image

O PP presenta unha emenda para que se inclúa nos orzamentos a Edar

Hai unha cuestión que é irrenunciable: a inclusión dunha partida concreta e definida da Edar nos orzamentos de 2016”, incidiu esta mañá o voceiro do Grupo Municipal do PP, Agustín Hernández, quen denunciou a falta de compromiso e de vontade política do alcalde e de Compostela Aberta para que Santiago conte con esta infraestrutura. Por iso, anunciou que o grupo popular presentará unha emenda para que o Goberno local inclúa unha partida de 100.000 euros para a nova depuradora, “porque é unha infraestrutura prioritaria e vital” que non se pode poñer en risco. “Está en xogo –continuou- ter ou non ter depuradora”.

Neste senso, Agustín Hernández instou a Compostela Aberta a que “demostre se ten vontade de que Santiago conte ou non con Edar”. Tal e como explicou e atendendo ao cumprimento do regulamento, dita emenda non suporá unha variación do orzamento global. A contía será extraída da partida ‘Xestión de licenzas e disciplina. Outros gastos diversos’ que conta no anteproxecto con 560.074,84 euros e que, no último trimestre de 2015, tiña gastado tan só 50.000 euros, polo que “é viable destinar 100.000 euros desa partida á Edar”.

Agustín Hernández subliñou que a inclusión da Edar nos orzamentos “é unha demanda de todos os grupos, agás do Goberno local”. O voceiro popular xustificou a presentación desta emenda por estar en risco os fondos europeos 2016-2020. “Se non comezamos coas expropiacións necesarias dos terreos, non teremos nunca a Edar”, incidiu.

Para finalizar, recordou que, das catros achegas que fixo o grupo popular, Compostela Aberta tan só aceptou parcialmente a mellora das instalacións deportivas cunha contía de 138.000 euros. “No orzamento figuran unicamente 100.000 euros. O resto do importe queda condicionado a que se poida aplicar parte do remanente”, explicou. “Aínda que despois dos continuos incumprimentos deste goberno –continuou-, non significa ningún tipo de garantía”. O voceiro popular lamentou que non se tivera en conta incrementar a partida para a Intermodal nin variar a política actual de subvencións nominativas, que se incrementan con respecto ao pasado ano un 13,3%.

Deja una Respuesta