IMG_0139

O PP propón un plan de recuperación e rehabilitación para preto de 300 fontes

O portavoz Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, ofreceu, esta mañá, unha rolda de prensa para presentar a segunda das proposicións que trasladará ao pleno do vindeiro xoves. Á iniciativa sobre a creación dunha rede municipal, completa e segura, de itinerarios peonís e ciclistas -presentada esta mesma semana-, súmase agora a elaboración dun plan específico de recuperación e mellora das fontes municipais, no que se recolla unha priorización e unha planificación dos traballos de rehabilitación.

Neste senso, o portavoz popular destacou o gran número de fontes públicas con singular valor histórico e patrimonial en Santiago. “Non estamos a falar dun elemento patrimonial menor”, salientou Agustín Hernández, que incidiu en que varias destes elementos datan da época medieval e unha gran maioría foron construídas nos primeiros anos do século pasado. Neste senso, referiuse a un inventario municipal, realizado a principios da década pasada, que dá conta de preto de 300 fontes públicas e lavadoiros no concello, das que case un cento se localizaban no núcleo urbano e o resto no ámbito rural: “Un inventario no que a través de fichas individualizadas de cada unha das fontes se recollen datos xerais -ano de construción, localización e historia- e tamén as súas características técnicas -caudal, dimensións, materiais ou estado de conservación-”.

O portavoz popular salientou que a maioría delas consérvanse na actualidade, pero que é preciso actualizar dito documento e “facer unha diagnose” do seu estado actual. “Tal e como puidemos comprobar, algunhas delas carecen de subministro de auga, como a do Campiño de San Francisco, no acceso á Costa Vella; a de Carreira do Conde; a da rúa das Oblatas; ou dúas ornamentais existentes na Alameda, a de mármore e a circular de pedra próxima aos aseos públicos”, explicou Agustín Hernández, quen ademais destacou as deficiencias que presenta a da rúa do Franco, así como tamén o aspecto de abandono que presentan moitas do rural que cómpre remediar.

Por iso, incidiu na importancia de levar a cabo unha recuperación urxente deste elementos patrimoniais, incidindo no seu mantemento e posta a punto e dotando de auga aquelas que carezan de subministro; mellorando a súa accesibilidade e aspecto; e promovendo o seu coñecemento a través de roteiros culturais.

O portavoz popular avoga así por continuar coa labor de recuperación que xa ten antecedentes no anterior mandato, poñendo como exemplo a actuación en sete fontes de marcado carácter histórico: Fonseca, Fonte Sequelo, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, San Martiño Pinario, O Toural e Santa Clara.

Ademais da actualización do inventario e do plan de recuperación, a iniciativa contempla tamén a elaboración dunha nova ordenanza municipal para mellorar a xestión e o uso eficiente da auga e que sirva para “poñer ao día os regulamentos obsoletos que aínda están en vigor”.

Deja una Respuesta