20170914 SantiagoEnCamiño

Propoñen unha actuación na A-54 para dar continuidade oa trazado da N-634 e N-547

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, presentou, esta mañá, unha iniciativa para “a mellora da mobilidade na parroquia da Sabugueira e dos núcleos próximos a Lavacolla”. Trátase –tal e como explicou- de levar a cabo unha actuación complementaria para que no transcurso das obras do tramo da autovía A-54 entre Lavacolla e Arzúa Oeste, se adapten as medidas necesarias para darlle continuidade ao trazado da antiga estrada N-634, desde a zona da cabeceira aeroportuaria ata enlazar co trazado da estrada N-547, nas proximidades dos terreos do polígono industrial do Pino.

Segundo puxo de manifesto Agustín Hernández, a construción da A-54 que comunicará Santiago con Lugo está a poñer en evidencia unha situación problemática da mobilidade –en concreto o tramo entre Lavacolla e Arzúa Oeste-, nas inmediacións do lugar elixido para o entronque co remate do tramo xa construído, ao “non proxectar a continuidade dos vellos trazados das estradas N-634 e N-547”, salientou o portavoz popular.

é que, tal e como explicou, a conexión prevista no proxecto en redacción neste lugar vai suprimir a glorieta actualmente existente no remate do tramo de autovía executado, construíndo no seu lugar un paso elevado sobre a nova traza da autovía –que discorrerá nun plano inferior- e que unicamente lle dará continuidade á estrada que vén de Curtis cara a Arzúa. Pero non se prevé o acondicionamento do tramo paralelo da N-634 que remata truncado nas proximidades da cabeceira aeroportuaria, polo que se poderían ver afectados servizos dos que actualmente goza a veciñanza da parroquia de San Paio na Sabugueira; entre eles os relativos ao transporte público, que hoxe conta con paradas das liñas regulares que cobren os traxectos con Lugo e Arzúa con Santiago e que acceden ao aeroporto, así como tamén o servizo de transporte escolar.

Coa proposta do grupo popular, construiríase un itinerario alternativo, seguro e plenamente operativo, pola marxe dereita da nova autovía en dirección Lugo, que se apoiaría en boa parte no trazado xa existente e nun tramo novo de aproximadamente 1 quilómetro, que se correspondería en gran medida co previsto para a vía de servizo da nova autovía. “Deste xeito, dunha vía de servizo a base de zahorra, pasaríase a unha vía con dous carrís de 3,5 metros e beiravías de 0,75 metros”, explicou.

Tendo en conta a demanda veciñal -xusta, axeitada, factible e positiva a prol do interese municipal-, o grupo popular encargou un proxecto básico para definir as liñas xerais dunha sinxela actuación: “O resultado é un proxecto factible técnica e economicamente”. Con esta actuación, ademais da mellora da mobilidade, os populares pretenden que manteñan os servizos de transporte público e unha axeitada integración do tramo do Camiño de Santiago nesa zona.
Do mesmo xeito, os populares popular, a través desta proposición, propoñen que o concello realice unha planificación que permita acometer de forma gradual a mellora de firme e servizos no tramo municipal da antiga estrada N-634 entre San Lázaro e Lavacolla.

Deja una Respuesta