IMG_2233

O PP reclama a mellora da contorna do CEIP Monte dos Postes

 

O Grupo Municipal Popular solicitará no vindeiro Pleno ordinario que o Goberno de Martiño Noriega leve a cabo varias actuacións na contorna do CEIP Monte dos Postes, onde existen numerosas deficiencias que afectan á seguridade dos peóns que pasan pola zona, sobre todo aos rapaces do centro de ensino e aos veciños, e mesmo á imaxe desta área, moi transitada polos peregrinos que se achegan ata Santiago.

 

Os Populares denuncian que, a pesar da súa veciñanza co Camiño Francés e do importante tránsito tamén de escolares, a rúa do Valiño non goza da atención debida por parte do Goberno municipal.

 

Calquera que se achegue ata esta zona, poderá certificar a existencia de moitas as deficiencias que presenta e moi poucas as medidas que adoptou o Goberno de Martiño Noriega para tratar de palialas. Unha das eivas máis recorrentes, polas queixas recibidas e polas iniciativas políticas xeradas, é a urbanización da zona á altura do número 11 da rúa Valiño, que xa foi obxecto dun acordo unánime impulsado polo BNG hai xustamente un ano e que continúa á espera de que se aprobe e que se execute o correspondente proxecto.

 

O Grupo Municipal Popular tamén remarca que, nas proximidades desa zona pendente de urbanizar, na praza á que se accede desde a rúa Belgrado ou desde as escaleiras que dan á Avda. do Camiño Francés, hai unha beirarrúa que se atopa en pésimo estado, con varias baldosas levantadas e, o que é peor, con varios ocos de gran profundidade a xeito de rexistro que non contan coa indispensable protección.

 

Sinalar que a dous deles puxéronlle encima cadanseu valado metálico pero outros catro carecen de protección ningunha, co perigo que iso supón. Un perigo semellante ao que representa unha acometida eléctrica a medio rematar desde hai varios meses á beira da entrada principal do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Monte dos Postes, na beirarrúa onde se sitúa unha marquesiña do transporte público e preto tamén dunha tapa de arqueta do tráfico que se atopa fracturada xusto ante o paso de peóns.

Deja una Respuesta