2017-11-22 RUA MANUEL MURGUIA 1

O PP reclama a reposición da peza de cantería na plaza da rúa Manuel Murguía

O Grupo Municipal Popular volve reclamarlle ao Goberno local que restitúa unha das pezas de cantería que soporta a placa co nome da rúa Manuel Murguía, na zona da Rosaleda, que desde hai días permanece deitada, posiblemente polo alcance dalgún vehículo.

Volve repetirse a situación acontecida hai algo máis de un ano, cando o Grupo Popular reclamara no Pleno municipal de setembro de 2016 a restitución deste elemento que continúa a ofrecer hoxe unha mala imaxe nunha céntrica rúa por onde transitan moitas persoas para dirixirse á estación ferroviaria ou para acudir ás instalacións sanitarias das súas proximidades. Aínda tendo en conta que a tardanza na actuación dos servizos municipais para erguer e afianzar esta peza puidera gardar relación cunha posible reclamación por danos, o feito de que se trate dun traballo relativamente sinxelo e de doada realización, non debería demorar por máis tempo a súa instalación.

Para evitar que se repita un novo incidente, o Grupo Municipal Popular proponlle ao Goberno que considere a conveniencia de trasladar a peza de cantería cara a un lateral da rúa, posto que sen dúbida a súa situación á beira da calzada e a escasa visibilidade que lle proporciona a súa reducida altura poden estar na orixe do reiterado derrubo deste elemento.

Arqueta en Lavacolla
O Grupo Popular tamén se fai eco das queixas da veciñanza sobre o perigo que supón a existencia desde hai tempo dun rexistro sen tapa nas proximidades dunha beirarrúa en Lavacolla, concretamente á altura do número 12 da rúa das Quenllas, que se corresponde co trazado da vía que conecta a autovía A-54 co aeroporto. O tamaño da abertura, a súa situación nun espazo de tránsito peonil e a existencia de cables no seu interior fan aconsellable acometer a colocación dunha tapa para evitar calquera accidente por este motivo.

Deja una Respuesta