FullSizeRender (4)

O PP reclama un plan provincial para axudar ao mantemento das canceiras municipais

O portavoz do Partido Popular na Deputación da Coruña, Agustín Hernández, anunciou hoxe que a súa formación pedirá a posta en marcha dun plan provincial para axudar aos concellos ao mantemento e a mellora dos servizos que ofrecen as canceiras municipais.

Os populares firman esta proposta despois de comprobar os graves problemas –económicos e loxísticos- que algúns dos concellos da provincia vense obrigados a afrontar ante a saturación que sofren as súas canceiras.

Neste sentido, o popular explicou que algunhas destas instalacións viron multiplicado o número de animais que teñen que atender, co correspondente incremento dos seus gastos e, sobre todo, coas dificultades que comporta non contar con máis espazo.

“Constatamos a preocupación que existe nalgúns municipios nos que a falta de medios está a impedir que poidan recoller máis animais nas canceiras”, apuntou Hernández, quen indicou que non se trata dun feito “illado ou puntual”, senón que estamos ante un problema de índole provincial.

Abandonos no Camiño de Santiago
Neste sentido, o portavoz dos populares na provincia fixo fincapé en que esta situación é moito máis “complicada” nos municipios polos que transcorre o Camiño de Santiago, onde o número de abandonos incrementouse de forma “moi notable”.

Sen ir máis lonxe, Hernández puxo como exemplo a situación que se vive en Ordes, onde o goberno municipal tivo que facer un chamamento para que os veciños adopten algún destes animais abandonados para evitar o seu sacrificio.

“Ademais do gasto que supón para as arcas municipais a construción e o mantemento destas infraestruturas, o certo é que moitas delas están ao bordo o colapso”, denunciou Hernández, quen explicou que, no caso de Ordes, o custo anual da canceira sitúase por encima está por riba dos 15.000 euros, ademais dos case 3.000 euros que algunhas destas asociacións teñen que achegar para o pago de operacións ou o transporte dos animais que son adoptados.

Competencias da Deputación onde non exista este servizo
Ante esta situación, dende o grupo popular instan ao goberno da Deputación da Coruña a que reserve unha partida económica para a posta en marcha, o ano próximo, dun plan provincial do que se poderían beneficiar os concellos, as mancomunidades creadas para levar a cabo esta labor e as asociacións protectoras de animais que, en moitos casos, son as responsables de custodiar aos cans abandonados.

“Creemos que dende a Deputación da Coruña hai que tomar cartas no asunto, reunirse coas diferentes institucións ou organizacións responsables deste asunto e buscar a forma de axudar”, apuntou Hernández, quen incidiu en que, a través dun plan, poderíase levar a cabo a ampliación destes recintos e liberar así aos concellos de parte da carga económica que supón o seu mantemento.

Así mesmo, os populares subliñaron que existen comarcas e zonas, con concellos de menos de 20.000 habitantes, que non dispoñen deste servizo, e recalcaron que a Deputación da Coruña debería asumir directamente esta competencia.

“A día de hoxe a provincia é deficitaria no servizo de canceiras en varios lugares por falta de capacidade, de medios e de recursos”, apuntou Hernández, quen lembrou que é precisamente cos pequenos municipios cos que a Deputación da Coruña ten a “obrigación” de colaborar.

Deja una Respuesta