ESTRADA FARO TOURIÑÁN

O PP recolle as queixas polo mal estado da estrada de acceso ao Faro Touriñán

O grupo municipal do Partido Popular de Muxía, encabezado pola súa portavoz, Sandra Vilela, anunciou hoxe que levará ao próximo pleno municipal as queixas dos veciños polo mal estado de conservación no que se atopa a estrada que dá acceso ao Faro Touriñán.

Tras manter unha reunión cos veciños de Nemiña, e á espera de facer o propio coa xente que vive nas parroquias de Touriñán, Morquintián, Frixe, Bardullas e Buiturón –principais prexudicados polo estado da vía-, os populares entenden que é “urxente” levar a cabo as actuacións necesarias para reparar a estrada.

“Levamos anos esperando a que Puertos del Estado, o Concello ou a Deputación da Coruña tomen cartas no asunto, pero o certo é que ningunha das tres administracións foi capaz de facer algo”, denunciou Vilela, quen explicou que o único que fixeron foi “irse pasando a pelota”.

Tendo en conta que o Faro Touriñán é un dos enclaves turísticos máis representativos do Concello de Muxía, e que o peso do sector turístico é cada vez máis importante na economía do municipio, a portavoz popular cre “obrigatorio apoiar a petición veciñal e todas as actuacións que leven a cabo reclamando os seus dereitos”.

Por todo iso, o Partido Popular de Muxía instará a Puertos del Estado a que poña en marcha as obras necesarias na estrada e, ademais, solicitará que chegue a un acordo co Concello para que o executivo se responsabilice do mantemento e conservación do viario.

“Estamos convencidos de que esta é a mellor solución ao problema. Portos do Estado é a administración titular da estrada e, por tanto, pode actuar; o Concello, posteriormente, pode ofrecer ese servizo aos veciños”, subliñou a popular.

Deja una Respuesta