REUNIÓN VIMIANZO

"O PP recuperará nas municipais o peso político perdido na Costa da Morte no 2015"

O vicesecretario xeral de Organización e Territorio do PP provincial, Evaristo Ben, mostrouse convencido de que o seu partido recuperará o peso político perdido na Costa da Morte nas eleccións do ano 2015.

Nunha reunión de traballo mantida cos representantes dos populares nos municipios de Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía, Vimianzo e Zas, Ben asegurou que a súa formación está “a poñer as bases” para afrontar os comicios de 2019 coa convicción de gañar en todos os municipios que conforman a comarca da Costa da Morte.

Neste sentido, o popular incidiu en que é fundamental “traballar co máximo compromiso e coa proximidade necesaria” para que os veciños vexan ao Partido Popular como a “única alternativa” para ter un goberno local “serio, eficaz e responsable”.

Sobre este asunto, Ben lembrou que o Partido Popular xa sabe o que é gobernar en municipios como Cee ou Fisterra, nos que quedou claro “que os experimentos actuais dos seus executivos locais só conseguiron que os seus municipios retrocedan e que os seus veciños teñan menos posibilidades de prosperar”.

Nesta liña, o popular subliñou que a súa formación aspira a recuperar a alcaldía destes dous municipios, pero tamén traballa para que Zas, Muxía, Corcubión, Camariñas, Dumbría, Carnota e Vimianzo conten cun alcalde do Partido Popular a partir de maio do 2019.

“Temos por diante un curso político no que o traballo que fagamos será clave para o resultado que logremos na próxima cita coas urnas”, indicou Ben, quen fixo fincapé na “necesidade” de comezar a presentar equipos e proxectos que “ilusionen” á xente e que sexan capaces de aglutinar ao maior número de persoas que coñezan cales son os “problemas e as necesidades” de cada concello.

Maiorías suficientes
Neste sentido, o vicesecretario xeral de Organización e Territorio se mostrou “convencido” de que a súa formación será capaz de recuperar o goberno da Deputación da Coruña e o das tres cidades da provincia.

“Quédannos menos de dous anos para seguir escoitando aos veciños e para estar a pé de rúa. O reto que temos por diante é duro, pero seremos capaces de alcanzalo se traballamos xuntos e mirando nunha mesma dirección”, apuntou Ben.

Sobre este asunto, o popular recalcou que a súa formación debe “esforzarse máis que nunca” para conseguir “maiorías suficientes” en todos os concellos que impidan que unha “unión de perdedores” lles aparte por un “puñado de votos” das alcaldías.

Deja una Respuesta