20180529 CONTORNA ESTADIO SAN LAZARO (1)

O PP reitera a mellora das áreas fluviáis do Tambre en Chaián e A Barciela

O Grupo Municipal Popular demanda, por terceiro ano consecutivo, ao Goberno de Compostela Aberta o cumprimento do acordo unánime para a mellora e adecuación das áreas recreativas do río Tambre, onde se enclavan as praias fluviais de Chaián e da Illa do Refuxio (A Barciela).

Este acordo, froito dunha iniciativa plenaria aprobada en xuño de 2016 e reiterada en xuño de 2017, propoñía actuar nas dúas áreas coa incorporación de sinais informativas para un fácil acceso e a posible inclusión no Plan Director de zonas verdes e espazos públicos do Concello para significar o seu valor e garantir a súa atención, así como a posibilidade de celebrar actividades populares para dar a coñecer e valorar ambos enclaves.

Ä vista desta situación e ante o inicio da tempada de baño, o Grupo Popular lémbralle ao Goberno municipal a necesidade de actuar dunha vez para mellorar o acceso e as condicións destes dous enclaves naturais que constitúen dous dos puntos principais no río Tambre ao seu paso polo concello, un itinerario incluído nas Rede Natura como Lugar de Interese Comunitario polos seus especiais valores ambientais e patrimoniais.

No caso da área fluvial de Chaián, os Populares tamén reclamaban melloras de seguridade viaria no tramo da estrada provincial desde a que se accede ao lugar e a ampliación da conexión peonil na ponte que conecta as dúas marxes do río, dándolle continuidade á senda construída na banda de Trazo.

Na Illa do Refuxio da Barciela, a principal demanda –que coincide coa realizada desde hai anos pola veciñanza- refírese ao acondicionamento da pista de grava do acceso, duns dous quilómetros, que bordea o Tambre, desde as proximidades do lugar da Barciela ata o tramo xa asfaltado nas proximidades da igrexa de Cesar.

A pesar dos acordos plenarios de 2016 e 2017, ningunha destas medidas se levou a cabo: as dúas áreas carecen hoxe de sinais informativas, tanto para o indicar o seu acceso como para anunciar o seu emprazamento e son moitos os sinais de falta de atención visibles.

En Chaián, os visitantes son recibidos por un antigo cartel informativo que cae a anacos, a caseta de madeira –toda ela falta de mantemento- ten as portas dos baños podres, a única fonte do lugar non ten auga nin billa e o monumento coa súa placa en memoria do pescador Kías permanece agochado pola maleza.

Na  Illa do Refuxio, non existe ningún sinal para guiar o camiño desde a banda de Santiago, as pontes de formigón que lle dan acceso presentan desniveis que dificultan a accesibilidade e mesmo algúns pasos de cantería colocados recentemente na zona norte para conectar as dúas marxes do río foron desprazados, o que impide que cumpran a súa función.

Como testemuña da situación de abandono, en ambas áreas permanecen acumulados restos de cortas e podas de árbores, que no caso de Chaián en boa parte foron acumulados á beira das instalacións con grellas para facilitar a súa queima.

Deja una Respuesta