IMG_4298

O PP reitera o fracaso da adxudicación da Nave 5

O Grupo Municipal Popular insta ao Goberno de Compostela Aberta explique, por unha banda, a renuncia de dúas empresas adxudicatarias no primeiro proceso de licitación dos postos da Nave 5 e, por outra, que valore o escaso número de licitadores do segundo. “Estamos ante un fracaso do modélico teórico de Compostela Aberta e ante unha confirmación das súas chapuzas prácticas”, salienta.

Os populares consideran urxente poñer fin a este “cúmulo de despropósitos” e solicitan do Goberno local unha solución clara para este espazo emblemático da cidade, que encadea varios procesos de adxudicación fracasados. En abril de 2016, Compostela Aberta iniciaba un proceso de licitación dos dez locais da Nave 5, que tivo unha moi baixa participación e a conseguinte adxudicación de tan só tres, dos que dous renunciaron. Este fracaso deu lugar, hai máis dun mes, a que Compostela Aberta se vira na obriga de abrir un segundo proceso para cubrir os sete locais restantes.

Na mesa de contratación, coñeceuse que este último procedemento rexistrara un número de empresas interesadas aínda menor que o rexistrado no proceso anterior, fronte ás dez que concorreron no primeiro, tan só cinco empresas concorren agora. Polo que, tras coñecerse estas dúas novas vacantes, confírmase a necesidade dun terceiro procedemento.

Tal e como explican, o feito de que o proceso de adxudicación dos locais non sexa único ou simultáneo supón un menoscabo ás expectativas das empresas interesadas, que neste segundo proceso non poderán optar a máis dun local de tamaño intermedio, por estar dous deles pendente de nova licitación. Do mesmo xeito, advirten da inseguridade xurídica xerada única e exclusivamente por Compostela Aberta, xa que algunhas das propostas presentadas, que apuntan a un consumo nas inmediacións da praza, chocarían coa intención do executivo de limitar ese consumo inmediato. Os populares tamén sinalan a posibilidade de que empresas que agora puidesen resultar adxudicatarias renuncien no momento de firmar o contrato, tal e como aconteceu no primeiro procedemento.

Por todo isto, o grupo popular trasladará unha pregunta oral ao pleno da vindeira semana.

Pacto pola conciliación
Por outra banda, o grupo popular presentará, tamén, unha moción na que insta á Xunta de Galicia para que, en coordinación e coa colaboración da FEGAMP, promova un pacto pola conciliación e a corresponsabilidade no ámbito da vida laboral, familiar e persoal; un dos grandes retos do século XXI.

A falta de corresponsabilidade e as dificultades para conciliar vida persoal, familiar e laboral, contribúen a soster a discriminación laboral e salarial das mulleres e constitúen unha das súas principais barreiras para o seu desenvolvemento profesional. Unha verdadeira conciliación necesita da implicación de todos os axentes sociais: administracións públicas, empresas, sindicatos e tecido asociativo. Por iso, o ámbito local, pola súa proximidade á vida da cidadanía, é un marco idóneo para a promoción e xestión de recursos e servizos para a conciliación. Débese ter en conta o labor que os concellos veñen realizando respecto da consecución de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Esta experiencia en materia de igualdade facilita a interacción coa cidadanía, a identificación das necesidades do propio concello respecto a conciliación e, sobre todo, a promoción da participación cidadá.

Deja una Respuesta