image

O PP santiagués pide a CA que apoie a celebración da Feira do Libro

A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Antón, ofreceu, esta mañá, unha rolda de prensa para reclamar o apoio do Goberno de Compostela Aberta á Feira do Libro de Compostela, xa que “a día de hoxe, aínda non sabemos se o Goberno local vai respaldar ou non este evento literario”.

Neste senso, informou de que a Federación de Libreiros leva desde o 25 de outubro intentando ter unha reunión co alcalde -que, ante a falta de resposta, foi reiterada o pasado 17 de xaneiro- para coñecer cal vai ser a postura de Compostela Aberta nesta edición. María Antón lamentou a actitude hipócrita de Compostela Aberta que, por unha banda, “di que hai unha aposta forte por Santiago como cidade literaria e, por outra, non apoia a Feira do Libro da cidade”. “Hai unha diferenza -sinalou- entre o que di e o que fai, de aí que non se entenda a falta de promoción a esta actividade”.

A Federación de Libreiros de Galicia organiza cada ano, desde a súa fundación en 1997, diferentes actividades co obxectivo fundamental de promover o sector literario, entre as que figura a Feira do Libro Novo e do Libro Antigo e de Ocasión de Santiago. “Unha actividade que se realiza en colaboración coa Xunta de Galicia e diferentes concellos. Concretamente, no 2016, catorce concellos acolleron a Feira do Libro Novo, un escaparate onde as librarías amosan os seus fondos, cun carácter marcado divulgador, de animación á lectura pero tamén cun carácter mercantil”, destacou María Antón. Pero, tal e como denunciou, o ano pasado, o goberno de Compostela Aberta decidiu anular a subvención nominativa á Federación de Libreiros de Galicia que ía destinada xustamente ao contribuír aos custos efectivos da celebración destas dúas feiras na nosa cidade”, recordou a concelleira popular. “Non só lles negou a axuda -engadiu-, senón que tratou de enganalos ao remitirlles unha convocatoria de axudas que ía destinada a empresas privadas, sabendo que a convocatoria era inviable para a federación xa que non se podían presentar asociacións sen ánimo de lucro como é o caso”.

Os populares presentarán unha moción no vindeiro pleno “para solicitar o apoio de toda a Corporación para que o concello non deixe á marxe a feira do libro da nosa cidade”. “Non quero ver un sectarismo nesta negación de Compostela Aberta -salientou María Antón-. Non quero pensar que este goberno tan só promociona aquelas entidades afíns”.

Deja una Respuesta