IMG_4298

O PP solicita a Noriega unha maior transparencia na información municipal

O Grupo Municipal Popular presentará no Pleno municipal deste xoves un rogo sobre a necesidade de mellorar a transparencia na información sobre órganos de Goberno, para o que é necesario que se incorpore na páxina web do Concello as informacións relativas ás xuntas de goberno local extraordinarias, algo que ata o de agora non se fai.

 

Tamén se reclamará que se estude a posibilidade de mellorar a organización, visualización e consulta das actas da sesións plenarias, que, neste momento, se veñen ofrecendo para consulta pública en formato de vídeo.

 

O Grupo que dirixe Agustín Hernández quere lembrarlle ao Goberno de Compostela Aberta que unha das cuestións fundamentais de calquera Goberno e Administración pública é o incremento da transparencia, facilitando o acceso a información, tanto cara ao interior como cara ao exterior das institucións.

 

O Concello de Santiago vén dando, desde hai anos, distintos pasos nesa dirección, pero como en todo sempre quedan pasos por dar e camiño por percorrer.

 

Neste momento, dentro da información que se ofrece na páxina web municipal hai algunhas carencias relativas á información dos órganos do Goberno municipal que son importantes, non só para o traballo dos propios grupos e departamentos da propia institución municipal, senón tamén para o conxunto dos veciños e veciñas.

 

Tal é o caso da ausencia de información sobre o contido das xuntas de goberno extraordinarias que se veñen celebrando desde o inicio do mandato de Martiño Noriega e, tamén, sería mellorable a organización das videoactas, nas que se advirten fallos no seu etiquetado ou mesmo algún fragmento perdido.

 

Ademais, bótanse en falta un método de almacenaxe e consulta máis sistemático que permitira visualizar e seleccionar contidos mediante un guión principal de cada sesión, como acontece noutras institucións a nivel autonómico ou estatal.

Deja una Respuesta