2018-05-24 parque luis pasin 001

O PP solicita ao goberno de Noriega melloras no parque Luís Pasín

O Grupo Municipal Popular solicitará no vindeiro Pleno ao Goberno de Martiño Noriega que revise as condicións que presenta o Parque Luís Pasín, entre os barrios de Conxo e Santa Marta, e arranxe as deficiencias observadas, sobre todo, a rehabilitación dos bancos e das varandas de madeira situados na contorna superior da área de xogos.

Nesta instalación existen algúns aspectos mellorables no tocante ao mantemento e coidados dos seus equipamentos, entre eles, a falta de auga nalgún dos surtidores preto da rúa Pardo Bazán e algún punto de luz aparece coa zona de conexións á vista. Esta situación pode supoñer un perigo para os usuarios, na súa maioría nenos pequenos e persoas maiores.

Pero, sobre todo, chama a atención o estado de deterioro que presentan os elementos de madeira que delimitan nun plano superior o camiño que circunda á area de xogos.

Trátase de arredor dunha decena de bancos e un longo tramo de varanda que presentan as táboas domeadas na súa maior parte, algunhas quebradas e practicamente todas elas con marcas de fungos e excrementos, unha situación cando menos pouco atractiva para o descanso e que denotan unha continuada falta de atención, tal e como se pode apreciar nas fotografías que acompañan esta nota.

Así mesmo, o recinto ten carencias en materia de accesibilidade, xa que en toda a súa contorna apenas dispón dunha única vía con rampla para achegarse á cima.

O Parque Luís Pasín é unha das máis importantes zonas verdes do sur da cidade. Foi inaugurado no ano 2003, ocupando unha superficie de 20.000 metros cadrados, entre as rúas Emilia Pardo Bazán, José Ángel Valente e Doutor Maceira.

 

Deja una Respuesta