IMG_4298

Piden información sobre o abandono dos traballos de posta en valor do Castelo da Rocha

O Grupo Municipal Popular levará o vindeiro Pleno unha pregunta para saber cándo ten previsto executar o Concello cada un dos proxectos contidos no Plan Especial de protección e acondicionamento do Parque Arqueolóxico do Castelo da Rocha, como o aparcamento, o edificio dotacional e os camiños interiores, entre outros, ademais de cándo contará con todos os terreos.

Neste momento, nada ten feito o Goberno de Martiño Noriega para que este proxecto sexa unha realidade, posto que, nos seus case 3 anos de mandato, Compostela Aberta so ten o acordo do inicio do expediente de expropiación, a exposición pública en decembro de 2016 e a recente solicitude ao Ministerio de Facenda da inclusión dun proxecto de “acondicionamento interior do Castelo da Rocha” na EDUSI, por un importe de 100.000 euros, dos que o 80% procedería de financiamento europeo e un 20% do propio Concello.

O Goberno do Partido Popular xa preparara un informe coa planificación prevista para continuar coa posta en valor da fortaleza e da súa contorna, que pasaba pola expropiación de bens e dereitos para levar a cabo os proxectos contidos no citado Plan Especial.

Deste xeito, intensificáronse os traballos arqueolóxicos e promovéronse accións de promoción e difusión do xacemento: páxina web, libro explicativo, visitas programadas e, en colaboración co Consorcio de Santiago, a realización dun Plan Especial de protección e acondicionamento do Parque Arqueolóxico da Rocha, aprobado polo Pleno da Corporación en xaneiro de 2015 e publicado no BOP do 15 de abril daquel mesmo ano.

Cabe sinalar, que desde hai anos, os sucesivos gobernos municipais de Santiago situaron como un dos seus obxectivos no ámbito cultural a recuperación e posta en valor do Castelo da Rocha, a que fora unha das maiores fortalezas galegas e referencia fundamental na historia da cidade e da Galicia medieval.

Unha serie de actuación preliminares deron paso a partir do ano 2013 á maior intervención para a súa recuperación, propiciada pola concesión por parte do Ministerio de Cultura dunha subvención dun millón de euros para este fin.

Deja una Respuesta