20180110 Alfredo Brañas

O PP solicita o arranxo dos alcorques da rúa Alfredo Brañas

O Grupo Municipal Popular vai presentar un rogo na sesión plenaria da próxima semana para que o Goberno local restitúa as árbores retiradas da rúa Alfredo Brañas e que arranxe os seus alcorques para evitar as acumulacións de terra e auga que se producen neses lugares.

Na súa iniciativa, os populares destacan as actuacións de humanización levadas a cabo nesta rúa dentro do proceso de modernización do Ensanche, “que permitiron dispoñer dun espazo máis adaptado para a vida cidadá, coa renovación de servizos, a dotación de mobiliario urbano, de árbores e plantas que contribúen a unha notable mellora ambiental e estética dunha das arterias principais da cidade”. Tal e como salientan, a pesar desas melloras, nos últimos tempos a ausencia de varias árbores nos alcorques ocasionan unha carencia ambiental e estética, ademais dunha incomodidade para o tránsito peonil, como consecuencia da lama que se produce ao seu arredor. No mesmo senso, os populares fan fincapé no mal estado da rúa, que presenta varias lousas rotas e levantadas.

Vaga de roubos en locais
Outra das iniciativas que presentará o Grupo Popular faise eco das informacións que teñen recibido en relación coa sucesión de roubos acontecidos nas últimas semanas en diversos negocios comerciais e de hostalería da nosa cidade, concretamente no ámbito da zona histórica.
En todos os casos, o modus operandi parece moi similar, posto que, na práctica totalidade dos casos, persoas descoñecidas acceden ao interior dos establecementos para apropiarse das caixas rexistradoras e das cantidades nelas depositadas. A pesar de que nos constan varios locais afectados, na súa maioría do sector da hostalería, pero tamén do comercio, sorprende que esta suposta concatenación de delitos apenas transcendera publicamente, sequera para alertar á poboación e reclamar que se extremen as precaucións e as medidas de seguridade.

Por este motivo, os populares preguntarán ao Goberno local sobre os datos de que dispón en relación con esta sucesión de delitos contra a propiedade nas últimas semanas e sobre as medidas adoptadas ao respecto.

Deja una Respuesta