20160920 Fotografía Sánchez-Brunete

O PP solicita un incremento do control e da vixilancia no mercado de Salgueiriños

O Grupo Municipal Popular presentará unha iniciativa no vindeiro pleno solicitando a sinalización, de xeito inmediato e de forma correcta, da rúa dedicada a Xosé María Suárez Núñez. Trátase dunha das principais vías do Campus Sur da Universidade de Santiago, que discorre entre a encrucillada das avenidas de Vigo e de Nóvoa Santos, preto do observatorio astronómico ata a estrada de San Lourenzo. Tal e como explican os populares, faise necesaria unha correcta sinalización para orientar e dirixir ás persoas aos diferentes edificios académicos e diversas instalacións -mesmo unha hospedaría- que se erguen á beira desta vía. Os populares, que recibiron varias suxestións a este respecto, instan ao Goberno local a que inicie canto antes as xestións necesarias para dotar da necesaria identificación da rúa.

Do mesmo xeito, outras das cuestións que tamén preocupa aos populares, e sobre a que recibiron diversas queixas de visitantes e dos propios vendedores, é o baixo nivel de control e vixilancia no mercado de Salgueiriños. Neste senso, explican que é frecuente a presenza de carteiristas, así como tamén a instalación de postos de mercadorías por parte de persoas que non contan coas preceptivas autorizacións, o que supón unha clara competencia ilegal para os máis de dous centos postos que cada semana se asentan na ampla explanada de Salgueiriños. Por todo isto, os populares instan ao Goberno local a que dea as instrucións precisas aos servizos correspondentes para intensificar o control, en orde de garantir a seguridade das persoas e a legalidade da actividade mercantil.
Por último, o Grupo Municipal Popular tamén trasladará a petición dos veciños de Vista Alegre, relativa á eliminación dos montículos verdes, proxectados nas obras de humanización e que están a xerar a desconformidade das persoas que viven nas proximidades. Tal e como subliñan os populares, este cambio non supón unha alteración substancial da actuación, polo que o Goberno de Compostela Aberta podería darlle resposta a esta inquedanza veciñal nos modificados que están pendentes de aprobación.

O grupo popular trasladará estas tres problemáticas ao vindeiro pleno ordinario a través de tres rogos.

Deja una Respuesta