IMG_0091

Piden un pleno extraordinario na Deputación para evitar o peche da central de As Pontes

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña, encabezado pola súa portavoz, Rosa Gallego, presentou esta mañá no rexistro da institución provincial un documento no que solicita a celebración dun pleno extraordinario para esixir ao Goberno de España a aplicación de medidas urxentes que permitan garantir a inmediata reapertura da central térmica que Endesa ten nas Pontes e, no caso de que non se produza este feito, esixir a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, principal responsable da situación da central pontesa.

 

Os populares, que contan coa representación da cuarta parte da corporación provincial para poder demandar a convocatoria do pleno e da súa correspondente Xunta de Portavoces, consideran que o peche da planta é un asunto “o suficientemente grave” para o futuro económico e social da provincia da Coruña como para que a Deputación “se comprometa” e mostre “todo o seu apoio” en solidariedade cos máis de 700 traballadores que, de forma directa, veríanse afectados polo peche da central.

 

“Non podemos tolerar esta situación nin manternos impasibles ante o desmantelamento dun sector económico que xera moita riqueza e do que viven centos de familias”, apuntan os populares, que demandan “unidade de acción” por parte de todos os axentes implicados.

 

Críticas contra os socialistas

Os populares aproveitaron tamén para criticar ao goberno socialista de Pedro Sánchez, culpable directo do peche da planta pola súa nefasta política enerxética. “Sánchez e a ministra de Transición Ecolóxica deixaron moi claro desde o primeiro día, que nin transición nin diálogo porque o único que tiñan en mente era o peche da planta a curto prazo, así que agora non imos consentir que nos enganen”, subliñan.

 

Ademais, desde o grupo do PP na provincia recalcaron que, nada máis chegar ao goberno, Sánchez decidiu cambiar as regras fiscais de enerxía para desincentivar o uso do carbón e danar directamente ás térmicas como a das Pontes, provocando que deixasen de ser competitivas.

 

“Estamos de acordo en que neste asunto é fundamental a unidade de todos os axentes implicados, pero hai que ser moi cínico e moi hipócrita para dicir que a culpa do peche da planta das Pontes o do goberno europeo ou da Xunta. O responsable é un goberno socialista incapaz de xerar estabilidade e de dar solucionar aos problemas”, conclúen os populares.

 

Deja una Respuesta