foto agustin

O PP subliña a falta de información sobre os vídeos que encarga CA

O Grupo Municipal Popular ven de presentar unha pregunta ao Goberno de Compostela Aberta para coñecer toda a información posible sobre a autoría de diferentes vídeos protagonizados polo alcalde e algún concelleiro, ademais de polas súas fases da realización.

 

Fronte ao que acontece coas obras escritas, onde se transparentan os datos básicos da autoría da obra, a editorial e demais informacións relativas á publicación, no caso destas pezas audiovisuais, protagonizadas polo alcalde e os seus compañeiros de grupo, a ausencia de información é total.

 

Para os Populares, estase a ocultar unha información transcendente sobre a autoría destas pezas audiovisuais e mesmo dos recursos alleos empregados, como a música, así como a entidade encargada de dita realización.

 

Desde o grupo que dirixe Agustín Hernández, espérase que o Concello non se tivera convertido nunha produtora institucional, con persoal funcionario desenvolvendo, de forma anónima, unhas labores audiovisuais ao servizo do Goberno de Martiño Noriega, pero á vista da falta de información sobre o desenvolvemento destes proxectos, sempre existirá a dúbida.

 

Por todo isto, o Grupo Municipal Popular quere saber cantos vídeos foron promovidos polo actual Goberno local desde a súa toma de posesión ata o día de hoxe; cal é o motivo polo que se ocultan os créditos de cada un deles e por qué aparece unicamente o anagrama do Concello; e, por último, o Partido Popular pregunta tamén se existe algunha persoa no Goberno encargada de supervisar o contido e o resultado final destes traballos.

 

Con todo isto, por cada vídeo, o Grupo Municipal Popular considera necesario que o Goberno de Martiño Noriega defina, de forma individualizada, a súa autoría, entidade que o realizou, modo de contratación e custo,

 

Ao longo dos anos, o Concello de Santiago veuse caracterizando por unha constante implicación na difusión de obras escritas, promovendo un continuado labor editorial, ben sexa a través de colaboracións con outras instancias -nomeadamente o Consorcio de Santiago- ou ben a través da súa propia iniciativa.

 

Desde a chegada do actual Goberno local, a ese labor editorial incorporouse con marcada intensidade a produción e difusión pública de vídeos de moi diversa temática, sobre todo, a través do sitio web youtube, onde desde novembro de 2015 ata o día de hoxe no rexistro que mantén o Concello de Santiago se aloxan un total de 243 vídeos, entre eles, por exemplo, 104 correspondentes a roldas de prensa da Xunta de Goberno, 56 de sesión plenarias ordinarias e extraordinarias, 25 vídeos de eventos e campañas de propaganda e 22 de “encontros ao vivo” do Goberno municipal en distintos lugares, entre outras pezas.

Deja una Respuesta