20160920 Fotografía Sánchez-Brunete

Indicios de que CA lle entregou o control da Casa da Xuventude ao seu partido

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, ofreceu unha rolda de prensa para denunciar as continuas trabas do Goberno de Compostela Aberta para facilitar información sobre o modelo de xestión da Casa da Xuventude: “Cantas máis explicacións se piden ao goberno, con máis atrevemento actúa e aumenta a dose de privatización, arbitrariedade e opacidade”.

Neste senso, informou de que, esta mesma mañá, tras varios meses de espera, o Grupo Municipal Popular confirmou a falta dun expediente deste inmoble público: “En Urbanismo, non atopamos ningún expediente que reflicta o novo uso da Casa da Xuventude, entendendo expediente como unha carpeta comprensiva de folios razoados e rubricados por técnicos municipais”. O concelleiro popular explicou que tan só consta que as chaves foron entregadas a unha funcionaria de Cultura e Festas, pero que esta non recorda que se documentara ningunha decisión posterior sobre a entrega das chaves a terceiras persoas. “Aí pérdese o rastro documental”, lamentou Sánchez-Brunete, quen engadiu que “debemos seguir buscando o expediente no escuro labirinto de irregularidades que é o Goberno de Compostela Aberta”.

O concelleiro popular advertiu de que existen varios indicios que apuntan a que “o Goberno de Compostela Aberta lle entregou as chaves e o control dun ben público ao partido político de Compostela Aberta”. Sánchez-Brunete considera que “estamos ante un episodio grave de confusión entre administración pública e partido”, xa que tal e como denunciou é un coñecido activista de Compostela Aberta o que convoca as reunións con diversas entidades para tratar o uso deste ben público. Ademais, está prevista para hoxe unha reunión dun grupo de traballo organizada polo partido político: “A Casa da Xuventude pode acabar consolidándose como a nova sede de Compostela Aberta, pagada con fondos públicos”.

Ao concelleiro popular gustaríalle saber se o goberno, que parece que mantén unhas relacións fluídas coa Fiscalía –pois ou ben remite determinados expedientes ou ben é chamado a declarar-, “tamén remitirá o expediente ou ausencia de expediente sobre a Casa da Xuventude”

Solicitude de explicación no pleno de mañá
Sobre a comparecencia do concelleiro de Espazos Cidadáns do pleno de mañá, Alejandro Sánchez-Brunete salientou que “moito nos tememos que iguale a comparecencia de Manolo Dios sobre a xestión dos comedores escolares, que non respondeu a ningunha das preguntas formuladas”. Neste senso, indicou que “tan só lle pedimos que responda a cinco preguntas concretas, fundamentais para confirmar ou descartar que este goberno actuara de maneira arbitraria”:

- A quen lle foron entregadas as chaves da Casa da Xuventude e que persoas, físicas ou xurídicas, dispoñen hoxe das chaves deste inmoble?
- En caso de non ser persoal municipal, en virtude de que título habilitante se lle fixo entrega das chaves e se autorizou ou cedeu o uso do inmoble?
- Como se explica a existencia en Internet do dominio www.matadoirocompostela.com?
- Están regularizados os servizos básicos do inmoble e quen está a aboar os gastos correntes?
- Reservouse o concello algunha potestade en orde a garantir o acceso do conxuntos dos cidadáns a este inmoble nuns termos de igualdade, liberdade, seguridade e salubridade? En que consiste o modelo tutelado de autoxestión a que se referiu o concello nunha nota de prensa? Quen exerce a tutela e en que termos? Que grao de responsabilidade mantén o concello sobre as actividades que alí se desenvolven?

Deja una Respuesta