Ponte Piñeirón - división entre A Gándara e Cardama.

O PP de Oroso trasladará ao pleno as propostas dos veciños de parroquia de Cardama

O grupo municipal do Partido Popular de Oroso presentará no próximo pleno municipal as propostas e as iniciativas que os veciños da parroquia de Cardama trasladáronlle ao seu portavoz, Alexander Doval, no encontro mantido o pasado domingo, e que se enmarcan dentro das reunións programadas por todo o municipio.

O máis de medio centenar de veciños que se deron cita na convocatoria aproveitaron a reunión co popular para facerlle chegar a necesidade de ampliar a estrada que une Piñeirón con Carollo, incluíndo, de forma moi destacada, a ponte que divide as parroquias de A Gándara e Cardama.

“Nestes momentos só se pode circular nun sentido e estamos a falar dunha estrada cunha densidade de tráfico moi elevada, xa que finaliza na nacional que transcorre entre Santiago e Curtis-Oviedo”, apuntou Doval.

Así mesmo, os veciños incidiron nos problemas da cobertura telefónica e de Internet, un feito que, segundo o portavoz popular, “parece do século pasado”.

Noutra orde de cousas, Doval comprometeuse tamén a trasladarlle ao goberno municipal a importancia de que o núcleo de Carollo conte cun subministro de auga “adecuado” e que satisfaga as necesidades que teñen os veciños desta zona.

Por último, os populares urxirán ao concello a que leve a cabo as tarefas de limpeza e mantemento das cunetas para evitar inundacións cando comecen as choivas do inverno.

“Imos manter estas reunións porque foi o noso compromiso en campaña e, sobre todo, porque consideramos que son o mellor camiño para coñecer os problemas dos nosos veciños”, apuntou Doval, quen, con anterioridade, xa mantivo encontros nas parroquias de Marzoa e Calvente.

Deja una Respuesta