IMG_0139

O PP trasladará ao vindeiro pleno o problema de aparcamento do Ensanche

O Grupo Municipal Popular trasladará ao vindeiro pleno, a través dunha pregunta oral, a problemática da falta de aparcamento na zona do Ensanche.

Tras os sucesivos procesos de humanización que están a reducir as prazas de aparcamento existente, os populares instan ao Goberno de Compostela Aberta a que concrete o conxunto de actuacións e a planificación decidida para satisfacer as necesidades de aparcadoiro da veciñanza e do comercio da zona centro. Neste senso, o grupo popular interésase por coñecer todas aquelas medidas que a curto prazo se van a poñer en marcha para darlle solución a esta demanda.

Do mesmo xeito, tamén preguntan polas estimacións do goberno para a posta en servizo do novo aparcadoiro soterrado no Campus Vida, unha actuación que xa conta con anteproxecto –redactado polo anterior Goberno local- e á que Compostela Aberta se comprometeu a incluíla nos orzamentos municipais deste ano, para ofrecer prazas alternativas para a veciñanza e a actividade comercial do Ensanche.

Os populares recordan que a finais do pasado mes de abril, o concello e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia presentaron un protocolo de colaboración para a convocatoria dunha serie de concursos arquitectónicos vinculados a unha serie de actuacións previstas de cara aos próximos anos, pero, tal e como salienta o grupo popular, no que nada se di do aparcadoiro soterrado no Campus Vida. É por todo isto que levará ao vindeiro pleno unha iniciativa para aclarar os plans e as actuacións previstos por Compostela Aberta para atender unha demanda urxente da veciñanza e do tecido comercial desta zona.

Aseo público adaptado na Alameda
Por outra banda, os populares tamén presentarán un rogo solicitando que, coa maior celeridade, o Goberno local poña en servizo o aseo público adaptado a persoas con diversidade funcional co que conta o quiosco municipal que se atopa sen actividade na Alameda.

O grupo popular agarda que poida estar xa operativo durante as Festas da Ascensión, ofrecendo así un servizo necesario e alternativo para a veciñanza e visitantes. A través de diversas iniciativas, os populares xa se teñen interesado polos catro quioscos públicos, que desde hai meses se manteñen sen actividade e cun aspecto cada vez máis abandonado, a pesar de estar situados en zonas de gran tránsito e de gran visibilidade.

Deja una Respuesta