IMG_0139

O PP urxe a regularización do aparcamento subterráneo da praza Marcial Villamor Varela

O Grupo Municipal Popular insta ao Goberno local a que regularice á maior brevidade posible a situación do aparcamento subterráneo da praza Marcial Villamor Varela, nas inmediacións da rúa do Olvido. Para iso, presenta unha proposición solicitando que Compostela Aberta remate a redacción do prego para a concesión e posterior adxudicación do uso das prazas de titularidade municipal, atendendo os criterios de proximidade e renda, favorecendo as máis reducidas para acceder a un alugueiro no mercado libre.

Desde o remate das obras en 2010, a trintena de prazas municipais existentes permanecen sen uso. Están por resolver o reparto do custos entre os propietarios das prazas privadas e as públicas, xa que o concello ata o día de hoxe non ten contribuído nos gastos xerados por esta instalación, a pesar da súa condición de copropietario.

Tal e como recordan os populares, no tempo transcorrido desde a apertura do aparcadoiro e en particular durante o pasado mandado municipal tramitouse a inscrición da obra do aparcamento no catastro ata a súa conclusión, a inscrición no Rexistro da Propiedade, atopándose na súa fase final, tal e como quedou recollido no informe do traspaso de asuntos de Goberno na sección de Patrimonio; e comezáronse os traballos preliminares para a redacción do prego que permitiría sacar a oferta pública o aluguer das 27 prazas de aparcamento de turismo e 3 de motocicleta, que forman parte do patrimonio municipal. A xestión destas prazas contemplaba facerse a través da empresa municipal Tussa, cuestión que na actualidade estaría resolta logo da modificación estatuaria acordada na Xunta Extraordinaria desta empresa celebrada no pasado 21 de xaneiro de 2016. Por iso, urxen a Compostela Aberta a que axilice a regularización do aparcamento.

Rogos presentados
Do mesmo xeito, o grupo popular presenta tres rogos no vindeiro pleno. O primeiro deles relativo á solicitude de melloras e obras de rehabilitación, tendo en conta as peticións realizadas pola veciñanza, na praza pública e no contorno das rúas Curros Enríquez, Bernardo Barreiro de Vázquez Varela e do Instituto de Ensino Secundario de Sar. Algunhas das queixas céntranse na reparación de pavimentos e zonas verdes, na limpeza de mobiliario ou no asentamento de reixas e sumidoiros.

O segundo rogo é relativo á reposición do sinal informativo existente na confluencia da Travesa de Fonseca e da rúa do Franco, para que manteña a súa propia función e non contribúa a estragar a imaxe do núcleo histórico, xa que apenas se pode intuír boa parte da súa información ao levar algún tempo estragado.

Para finalizar, a través do terceiro dos rogos, o grupo popular insta ao concello a que faga as xestións precisas para a instalación dos sinais indicadores para facilitar o acceso e localización do Colexio de Educación Especial da Barcia, dándolle continuidade á información que ofrece o sinal existente na rotonda da estrada AC-543, á altura do p.k. 1,8, en Laraño.

Deja una Respuesta