20170914 SantiagoEnCamiño

O PP urxe a renovación integral da rede de abastecemento na rúa do Hórreo

O Grupo Municipal Popular reclama a renovación integral da rede de subministro de auga na rúa do Hórreo, especialmente, no tramo comprendido entre a avenida de Lugo e o cruce coa rúa República Arxentina. Neste senso, a través dunha iniciativa que presentará no vindeiro pleno, os populares instan ao concello a que prioricen na planificación municipal a execución deste proxecto.

Case todas as rúas do Ensanche dispoñen xa dunha nova rede e as que carecen dela, como a Praza de Vigo ou a Avenida de Vilagarcía, contan con proxectos en desenvolvemento que contemplan esta mellora. Tal e como salienta o grupo popular, non é o caso da rúa do Hórreo, entre a rotonda da avenida de Lugo e o cruce coa República Arxentina, “que continúa na lista de espera para acometer a mellora das súas tubaxes de auga potable”.

“Unha mellora –tal e como inciden os populares- que non se pode demorar por moito máis tempo, como se encargan de lembrar as cíclicas avarías”. No ano 2016, foron dous os cortes de subministro e no último verán, catro, motivados por rebentóns da rede que supuxeron grandes molestias para a veciñanza e perdas económicas nas actividades comerciais e hostaleiras da zona. “A obsoleta condución resulta incapaz para atender ascrecentes demandas e xa non abonda coa simple reparación, polo que é urxente unha mellora integral neste tramo”, destaca o grupo popular.

Servizo de taxi á demanda
Por outra banda, os populares propoñen que, na futura configuración do servizo municipal de transporte público, se estude con carácter preferente a incorporación do taxi como medio de “transporte á demanda para as zonas do rural de Santiago”.

No pasado pleno de maio, aprobouse por unanimidade unha iniciativa do grupo popular na que se solicitaba a implantación dun bonotaxi para persoas con discapacidade, así como o estudo do transporte á demanda como medida complementaria para incrementar a efectividade do transporte público de viaxeiros. “É unha clara aposta pola promoción do uso do taxi como un transporte alternativo á demanda que permite mellorar a accesibilidade naquelas zonas con baixa cobertura do transporte urbano colectivo”, salientan os populares, e que en zonas rurais pode resultar unha opción máis económica que a do propio servizo de autobuses.

“Este programa sería complementario ao actual servizo de transporte público urbano, co fin de chegar a todas aquelas zonas onde o autobús no dá cobertura”, indican. Para os populares, a través desta iniciativa, estaríase tamén apoiando o colectivo do taxi.

Deja una Respuesta