IMG_0139

Urxen o mantemento dos elementos de forxa de escaleiras, bancos e enreixados da Alameda

O Grupo Municipal Popular presenta unha iniciativa no vindeiro pleno instando a Compostela Aberta para que leve a cabo con urxencia traballos de pintado e de rehabilitación dos elementos de forxa que se atopan en mal estado na Alameda, entre os que destacan escaleiras, respaldos de bancos e enreixados como o peche perimetral situado fronte á avenida Xoán Carlos I, desde a Igrexa do Pilar e a rúa Porta Faxeira.

Neste senso, os populares consideran prioritario unha actuación para a súa protección e mellora estética deste emblemático enclave natural da cidade. Tal e como subliñan, a falta de pintura non só achega unha imaxe de abandono, senón que tamén supón unha contribución ao seu progresivo deterioro, cunha estética que contrasta coa fermosura que proporciona a natureza nese lugar.

A Alameda de Santiago é un espazo entrañable e simbólico, un compendio do extraordinario patrimonio natural do Concello que rivaliza coa arte da pedra da cidade monumental. É, ademais, un dos principais referentes das preto de medio cento de áreas verdes, tanto pola súa importancia botánica e ambiental como pola súa extensión, ao sumar 85.000 metros cadrados no centro neurálxico da cidade. A pesar desta importancia ambiental, que debería incrementar a atención e os esforzos do Goberno local para o seu coidado e conservación, existen moitos elementos que revelan a desatención e a falta de mantemento. Algúns requiren de importantes actuacións e de custosos procedementos, que sen dúbida hai que acelerar; outros, sen embargo, son de doada execución e pouco máis requiren que un pequeno esforzo e un limitado gasto. Por todo isto, os populares consideran que o Goberno de Compostela Aberta debería tomar medidas de inmediato para arranxar os elementos en mal estado da Alameda.

Deja una Respuesta