IMG_4298

O PP urxe un acordo para a tramitación e aprobación dos Orzamentos do Estado

O Grupo Municipal Popular trasladará unha moción ao vindeiro pleno deste mes para impulsar un acordo urxente entre os grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados para a tramitación e aprobación dos Orzamentos do Estado de 2017. Con esta iniciativa, os populares pretenden evitar as consecuencias negativas que para as administracións locais, as máis próximas ao cidadán, poida ter o atraso na aprobación das contas. Neste senso, o grupo popular destaca a importancia de sentar as bases e alcanzar canto antes os acordos necesarios que permitan chegar á aprobación definitiva da Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o vixente exercicio.
“É urxente a negociación sobre as contas xerais do Estado, porque dela se deriva o mantemento da folla de ruta dos servizos públicos locais ou o seu retroceso”, explican os populares, que salientan que “sen orzamentos non se pode investir o superávit municipal o que, sen dúbida, irá en detrimento da creación de emprego”.
A iniciativa contempla, ademais, a necesidade de lograr a reforma do financiamento local que cumpra coas expectativas dos gobernos locais reclamadas longo tempo. Un dato que destacan os populares de Santiago é que máis do 90% dos concellos teñen superávit e que son estes o que nestes momentos están axudando ao resto de administracións a cumprir cos seus obxectivos de déficit. Por iso, é xusto contar con mecanismos actualizados de xestión que permitan reinvestir ese superávit con maior flexibilidade, suavizando a aplicación da regra de gasto, mellorando a ratio da taxa de reposición e, en consecuencia, a publicación da oferta de emprego público; e todo iso para poder seguir prestando e mantendo os servizos públicos locais, aumentando a súa calidade e, en definitiva, favorecendo a creación de emprego. O novo sistema de financiamento local, que estuda a Comisión de Expertos creada para o efecto, deberá achegar máis recursos á facendas locais para que os gobernos locais poidan desenvolver de forma adecuada as competencias que teñen legalmente atribuídas conforme ao previsto na Lei.
E deberá recoller reivindicacións históricas das entidades locais, relativas á participación das entidades locais, nos ingresos do Estado e o desenvolvemento dun modelo de participación das entidades locais nos tributos das comunidades autónomas, así como establecemento dos mecanismos de coordinación entre o financiamento incondicionado autonómico e local. Esta planificación pódese vir abaixo se non están aprobadas e en vigor as grandes liñas mestras da economía española a través dos Orzamentos Xerais do Estado e todo o conseguido ata o de agora podería sufrir un retroceso imperdoable. “Sería a cidadanía a principal prexudicada e, dentro dela, as persoas máis desfavorecidas, que son as máis directamente beneficiadas polas políticas locais”, subliñan

Deja una Respuesta