Problemas de auga Colexio Virxe da Cela en Monfero

Unha solución para os problemas de auga que sofre o colexio Virxe da Cela

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Monfero, a través da súa portavoz, Belén Salido, demandou hoxe unha solución urxente para os problemas continuos de auga que sofren no colexio Virxe da Cela, e que desde o pasado 18 de novembro obrigaron á dirección do centro a comprar auga embotellada para o consumo dos alumnos e dos profesores e para utilizar na cociña.

 

Os populares, que explicaron que non se trata dun problema illado, puxeron sobre a mesa os resultados das últimas analíticas que indican que a auga ten índices elevados de cloro. “Estamos ante un asunto de vital importancia. É a auga que consumen a diario os nenos e a súa saúde debería ser un asunto capital para un goberno local que leva tempo sen facer nada a pesar de coñecer o problema”, dixo Salido.

 

A popular apunta que o foco do problema hai que buscalo no mal estado dos depósitos de auga, construídos hai máis de 40 anos. “Son de cemento e neles podemos atopar ramas, follas e lixo de todo tipo, o que provoca que a calidade da auga non sexa a desexable para o consumo”,indicou.

 

Ante esta situación, os populares, que criticaron a “pasividade”e “deixamento”do goberno local, piden a construción duns novos depósitos que reúnan as condicións de salubridade desexadas para o almacenamento da auga.

Deja una Respuesta