hospital-virxe-da-xunqueira

O PP resalta o investimento de Xunta para mellorar a sanidade na Costa da Morte

Os portavoces do Partido Popular nos municipios da comarca da Costa da Morte –Zas, Vimianzo, Corcubión, Camariñas, Dumbría, Fisterra, Muxía e Cee- aproveitaron a visita realizada polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para valorar de maneira “moi positiva” o esforzo inversor realizado polo executivo autonómico para mellorar a atención sanitaria no Hospital Virxen da Xunqueira de Cee.

En concreto, os populares subliñaron que os 949.213,18 euros, investidos polo goberno galego desde o ano 2012 ata o primeiro semestre do 2017, permitiron, entre outras cousas, mellorar e potenciar o servizo de radioloxía e mamografía, así como para renovar e incrementar o equipamento do centro.

“Os datos reflicten de xeito evidente o firme compromiso da Xunta para manter e mellorar un hospital que resulta fundamental para esta comarca”, apuntan os populares, quen destacaron que o número de consultas atendidas en endocrinoloxía e rehabilitación ata o primeiro semestre deste ano superou xa a barreira das 13.000.

Desde o Partido Popular fixeron fincapé tamén en que a reforma da Lei de Saúde, presentada estes días por Vázquez Almuiña na zona, permitirá consolidar na área sanitaria da Costa da Morte o modelo das Estruturas Organizativa de Xestión Integrada (EOXI), que desde o ano 2012 evitou que case 11.000 pacientes tivesen que viaxar ata a cidade da Coruña para ser atendidos.

O paciente, o gran beneficiado

Por outra banda, os portavoces populares referíronse tamén á importancia da creación do distrito sanitario como marco de referencia para a coordinación e a atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria ligado á permanencia do hospital de Cee.
“O gran beneficiario de toda esta reforma será o paciente, que terá máis e mellores servizos sanitarios, e poderá gozar dunha atención a domicilio máis próxima”, indicaron os populares, que puntualizaron que a modificación legal non altera en absoluto a asignación de médico ou de hospital que na actualidade corresponde a cada paciente.

Por último desde o Partido Popular da Costa da Morte afirmaron que a calidade asistencial da sanidade pública galega “avanzou enormemente na última década”, e defenderon que é o momento de actualizar, a través desta reforma, a súa estrutura organizativa para continuar mellorando en todos os ámbitos.

Almuiña avanzou que a modificación normativa permitirá a creación do distrito sanitario ligado ao Hospital Virxe da Xunqueira, de Cee, que ata o de agora non contaba con área sanitaria propia.

Os distritos sanitarios serán marco de referencia da actividade de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria que se establecerá arredor do hospital e equivaldrá á area hospitalaria actualmente en vigor.

Deja una Respuesta