FullSizeRender (4)

O PP vota en contra do Plan Único que resta recursos aos concellos

O portavoz do grupo provincial do Partido Popular na Deputación da Coruña, Agustín Hernández xustificou que a súa formación votou en contra do Plan Único –POS Plus-, presentado no pleno de hoxe polo executivo provincial, argumentando que os concellos disporán de menos recursos económicos e que, ademais, a Deputación perde competencias.

“Estamos ante unha medida que baleira de contido en exceso a capacidade planificadora e de actuación da Deputación da Coruña e, o máis importante, dotará de menos recursos económicos aos concellos da provincia”, apuntou Hernández.

Neste sentido, o portavoz dos populares indicou que a suma dos plans POS, PAS e PAI –incluídos no Plan Único- fan un total de 74 millóns de euros a repartir entre os 93 concellos. “A argumentación é sinxela, o ano pasado, a suma individual deste tres plans alcanzaba os 78 millóns, así que estamos ante unha redución clara e obxectiva”, explicou o popular.

Así mesmo, Hernández quixo deixar claro que o que foi proposto a votación do pleno provincial é un plan “concreto, cunhas cantidades concretas e cunhas liñas determinadas. O que despois faga ou deixe de facer o goberno no futuro para modificar cantidades ou engadilas é algo que descoñecemos”.

Ademais, os populares mostraron tamén o seu rexeitamento cara ao novo plan provincial ao entender que coa súa posta en marcha está a “premiarse” a aqueles concellos que “non fixeron os deberes” e, por tanto, están nunha “peor situación económica”.

“Entendemos que aqueles municipios que cumpriron co plan económico non poden ser prexudicados con este plan. É inxusto que iso suceda”, indicou Hernández.

Plan de canceiras
Por outra banda, o grupo popular mostrou o seu “malestar” despois de que o pleno votase en contra –abstención de Compostela Aberta- da moción presentada por esta formación para instar a Deputación da Coruña a impulsar un Plan Provincial de Canceiras.

“Non entendemos que desde o goberno provincial xustifíquese o seu voto en contra argumentado que se trata dun asunto que se pode abordar cos fondos do novo Plan Único”, indicou a deputada Susana García.

Sobre este asunto, García explicou que, de ser así, o presidente provincial, Valentín González Formoso, “está a darnos a razón en canto a que os concellos disporán de menos diñeiro si teñen que botar man destes fondos para este tipo de asuntos”.

Deja una Respuesta