Foto-NP20160905

O PPdeG presenta un programa realista, para gobernar e cunha destaca presenza de Ferrol

O presidente local do PP en Ferrol e candidato, José Manuel Rey Varela, defendeu hoxe o programa de Alberto Núñez Feijóo de cara ás eleccións autonómicas do vindeiro 25 de setembro, asegurando que “é o único programa para gobernar e, ademais, o único de todos os que concorren aos comicios que pode ter garantía de cumprimento; e no que a cidade de Ferrol ten unha presenza destacada”. Así o asegurou durante unha rolda de prensa na que estivo acompañado dos tamén candidatos por esa comarca Miguel Tellado e Hipólito Fariñas.

Neste sentido, Rey Varela manifestou que “presentamos un programa para gobernar, mentres que o programa do resto de forzas nunca será aplicado, e o saben”, e engadiu que o resto de formacións “son conscientes de que soamente poderán cumprir, con sorte, a parte que corresponda aos departamentos que lles toquen no reparto de cargos que farán se Núñez Feijóo non obtén a maioría para gobernar”.

Así mesmo, o candidato explicou que o programa de Núñez Feijóo e do PPdeG é o resultado dun traballo que se desenvolveu ao longo dos últimos tres meses e no que participaron membros relevantes do partido e tamén un número importante de entidades e colectivos que quixeron facer as súas achegas, e coas que “se tomou un compromiso fundamental: non mentirlles, non comprometer nada que non esteamos en condicións de cumprir”, dixo.

Neste sentido, Rey Varela puntualizou “as propostas de sanidade ou de cultura do PSOE ou Mareas quedarán nun caixón se quen ocupa esas consellerías é o bloque e viceversa”. “Non hai forma de imaxinar o seu programa de goberno alternativo porque non o hai. A súa única proposta é botar a Feijóo aínda que para iso primeiro terán que poñerse de acordo entre eles, e incluso, poñerse de acordo dentro dos seus propios partido”, salientou.

“Aínda queda moito por facer, pero En Galicia Si hai bases e posibilidade de ter un goberno estable coa maioría suficiente para sacar adiante estas reformas e poñer o país en marcha”, declarou Rey Varela quen avanzou que “mañá martes o presidente Feijóo, o noso candidato, vai estar aquí para explicar polo miúdo esas medidas específicas que temos para Ferrol”. Nesta liña, dixo que “este programa é un si a Galicia, pero tamén é un si a Ferrol, pois este documento contempla propostas e actuacións concretas para a nosa cidade”.

Para seguir avanzando
Rey Varela explicou que o programa de Feijóo para estas autonómicas “concreta as liñas de traballo marcadas e busca completar un traballo que se sostén sobre os avances dos últimos anos”. Neste sentido, dixo que “é certo que o noso programa non inventa nada novo, porque non nos gusta improvisar”.

Así, sinalou que o goberno de Feijóo leva anos deseñando un programa de transformación de Galicia coa vista posta no 2020. E nesta liña, aprobouse un Plan Estratéxico da economía ata este ano. Están a desenvolverse plan sectoriais nos ámbitos da innovación coa Estratexia de Especialización Intelixente; a sanidade, coa Estratexia SERGAS 2020; a industria, coa Axenda de Competitividade Industrial ou o rural, co Programa de Desenvolvemento Rural. Tamén na vivenda, na modernización tecnolóxica, na inclusión social, na internacionalización, no comercio ou na atención a persoas con discapacidade.

Galicia próspera e solvente
A senda do crecemento do emprego xa está acadada, “o seguinte reto é mellorar a calidade dese emprego e por iso propoñemos que ao longo dos próximos anos 50.000 empregos temporais se convertan en indefinidos”. O paro xuvenil baixou máis de 6 puntos dende o inicio da lexislatura, “agora queremos axilizar a inserción laboral dos nosos mozos proporcionando orientación laboral durante a formación e creando bolsas que lles permitan adquirir unha experiencia laboral inicial”.

O paro de longa duración tamén está en descenso, “agora compre poñer en marcha medidas para que a situación destas persoas non se volva a repetir. Apostamos por unha nova Lei de Emprego de Galicia que repense o actual servizo público de emprego para lograr atopar un posto de traballo ás persoas anotadas no paro”.

As conta públicas están ordenadas, o seguinte paso será reducir a débeda e que o 80% do orzamento siga dedicándose a gasto social. “A nosa posición de solvencia permítenos esixir do Estado rebaixas fiscais como a do IVE dos produtos sen gluten, dos pañais ou dos produtos de hixiene feminina”, puntualizou.

Impulso dos servizos públicos e sociais
A sanidade e os servizos sociais conseguiron manterse durante os anos de crise e ampliarse con novas infraestruturas e novas tecnoloxías, “agora temos que dar un paso máis e transformar a propia concepción do sistema”, sinalou, “apostamos por empregar os novos recursos tecnolóxicos para facilitar a atención domiciliaria dos nosos maiores e dos enfermos crónicos. Queremos facer posible que estas persoas poidan recibir servizos preventivos, de control da saúde e de seguimento, sen o trastorno que lles supón os continuos desprazamentos”.

Para iso, o PPdeG puxo en marcha os medios precisos como a teleasistencia, a consulta telefónica, o fogar dixital, o acceso a internet ou os servizos de monitorización. “Agora debemos reorientar o sistema para impulsar esa atención”, destacou.

No ámbito da educación, máis de 100.000 alumnos de toda Galicia teñen acceso a unha formación plurilingüe ou as novas tecnoloxías que antes só estaban a disposición dos máis ricos.

Por outra banda, nestes anos se configurou toda unha rede de servizos e de beneficios para ter fillos en Galicia coa elaboración e desenvolvemento do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), que agora “toca consolidar ese rede a través dunha Lei de impulso demográfico que blinde ou amplíe o existente: tarxeta benvida, escolas infantís e o Bono Concilia. Ademais de formular novas medidas adaptadas a realidades específicas como os menores con discapacidade ou as familias monoparentais”.

Modelo territorial e ambiental
Coa aprobación das Directrices do Territorio e da Lei do Solo, coa implantación do transporte metropolitano nas cidades ou coa construción de 45 novas depuradoras, o noso modelo territorial e ambiental mudou radicalmente. “Agora temos completar este modelo coa aprobación do Plan Básico Autonómico, coa posta en marcha das estación intermodais, coa coordinación dos transportes a través dun billete único, coa execución de máis de 170 sendas ciclistas e peonís ou coa aprobación de nova normativa sobre mobilidade, patrimonio natural ou o ciclo integral da auga”.

Deja una Respuesta