FOTO RUEDA DIEGO CALVO

“Tómanos por parvos se cre que imos aceptar esmolas a cambio do peche de empresas”

A publicación dunha orde de axudas do Goberno central para as entidades locais nos territorios afectados pola transición enerxética é, para o Partido Popular da provincia da Coruña, unha tomadura de pelo máis do partido socialista, que certifica así non só o peche de Meirama, senón tamén o da central de Endesa ao incluír a Cerceda e As Pontes entre os municipios afectados.

 

“Por fin sabemos do engano do partido socialista, que sempre quixo pechar a central de As Pontes e que tratou de enganar aos galegos mentres estivo en campaña electoral”, denunciou o presidente provincial, Diego Calvo, que tamén lembrou que os socialistas galegos votaron no Parlamento de Galicia a favor da reapertura da fábrica. “A quen temos que crer entón?”, pregúntase Calvo, que incide na “campaña orquestada polo PSOE de Sánchez para o peche de industrias en Galicia”.

 

Sen alternativas para os traballadores nin os transportistas

Deste xeito, asegura, “confírmase o que dixemos desde o principio: que o PSOE dá por bo o peche da central térmica de As Pontes sen que se teñan explorado alternativas para unha transición enerxética xusta e ordenada” tal e como pediu dende o principio o Partido Popular, que defendeu sempre unha transición enerxética sostible e con garantías para os traballadores.

 

“Non está de máis lembrar que a normativa europea permite o traballo co carbón ata o ano 2050. Non é necesario esgotar os prazos, non estamos falando diso, pero tampouco é xusto anunciar un peche dun día para outro, cos bandazos propios do partido socialista de Pedro Sánchez, e non facer nada para evitalo ou tratar de buscar outras alternativas”, matizou o popular.

 

Para os populares, o Goberno de Sánchez e a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, volve xogar co sustento e o futuro dos traballadores das térmicas e dos transportistas do carbón coa publicación desta orde de axudas para o ano 2019 cando, por prazos, é imposible que cheguen a tempo e que non serven para garantir o futuro das miles de familias afectadas polo peche das centrais tanto en Cerceda como en As Pontes.

 

“Non se pode enganar así ás familias. O PSOE tómanos por parvos se cren que imos aceptar esmolas a cambio do peche das nosas industrias”, denunciou o presidente provincial, que insistiu en que “por desgraza, os que somos da zona de Ferrolterra sabemos das consecuencias das reconversións e das promesas de axudas para a reindustrialización, que só traen pan para hoxe, fame para mañá e persoas retiradas na casa en lugar de traballadores en activo”.

 

¿Que opinan os socialistas de As Pontes e Cerceda?

Neste xeito, preguntouse se iso é o que quere o PSOE de As Pontes, o PSOE de Cerceda ou o PSdeG para a provincia da Coruña e para Galicia e anímaoos a pronunciarse sobre o contido da orde. “Gustaríanos saber se os socialistas destes territorios están dacordo en que se ofrezan cartos e non se ofrezan alternativas para o peche dunhas industrias vitais para o desenrolo destas comarcas”, apuntou.

 

A orde publicada polo Goberno cifra as axudas para este ano en sete millóns de euros, cantidade irrisoria para repartir entre as 15 comarcas afectadas “pola intransición enerxética”. Por iso, os populares insisten en que o PSOE “non é de fiar” e que a postura inicial do Partido Popular non variou ao respecto da esixencia de que se reactive o funcionamento da central de As Pontes mentres se buscan alternativas para os traballadores da planta, os transportistas do carbón e os empregados das empresas auxiliares.

 

“Que ninguén se leve a engano. O PSOE, co anuncio destas axudas, o que está facendo é certificar a morte dun sector fundamental para Galicia, facendo caso omiso ás demandas sociais e obviando que aínda hai tempo para manter as centrais abertas mentres se buscan solucións alternativas”, denunciou o presidente provincial, que asegura ademais que os plans do Goberno de Sánchez non contemplan solucións para os transportistas do carbón que levan meses sen cobrar ante a inacción do partido socialista.

 

“Unha transición enerxética xusta, ordenada e sostible non pasa en ningún caso polo reparto de cartos entre os alcaldes ou os presidentes das deputacións de turno, senón por darlle alternativas de futuro aos traballadores e ás súas familias”, insistiu Diego Calvo, que criticou o feito de que o Goberno trate de comprar o silencio dos mandatarios locais coa concesión de axudas económicas a concellos e deputacións.

 

Investimentos en As Pontes

E, relacionado con isto, lembrou que o caso da central de As Pontes é un caso a ter en conta por parte do Goberno central pois os responsables de Endesa adaptáronse á normativa europea co peche da mina de ceo aberto e o posterior investimento de máis de 200 millóns de euros para respectar a lexislación no referido á emisión de gases: “Por iso, As Pontes non merece unha transición radical e inxusta que provoque o peche da industria máis importante da comarca, e non merece tampouco que se siga a xogar co emprego e o futuro de máis de 1000 familias”.

 

Para o Partido Popular, hai tempo dabondo para, entre todas as administracións, atopar unha solución menos dramática que a defendida polo partido socialista a través dunha “decisión política que trataron de matizar en campaña electoral pero que estaba tomada desde a súa triste chegada á Moncloa e o nomeamento, por parte de Sánchez, dunha activista como ministra de Transición Ecolóxica”.

 

Segundo asegurou Diego Calvo, todo o que sucedeu despois, como desmentir o anuncio do peche, as reunións cos traballadores, as fotografías co alcalde das Pontes ou a promesa de garantir a continuidade da central foron “mentiras a sabiendas” como demostra agora a publicación desta orde de axudas onde se inclúe a As Pontes como territorio afectado.

 

 

Deja una Respuesta