IMG_6571

Oroso e Arzúa discriminan aos veciños por negarse a baixar o recibo do lixo

Os candidatos do Partido Popular ás alcaldías de Oroso e Arzúa nas eleccións municipais que se celebrarán no mes de maio, Alexander Doval e Rafael Rivadulla, criticaron hoxe que os seus municipios se quedasen fóra da bonificación que Sogama pon ao dispor daqueles concellos adheridos ao programa para a xestión e tratamento de residuos urbanos.

 

Os populares lamentan que o “pasotismo” dos seus executivos locais deixe sen a rebaixa no canon (69,83 euros  + IVE por tonelada de bolsa negra), nun 10%, que se aplicaría a aqueles concellos que se comprometeran coa redución da produción de residuos e/ou o fomento da reciclaxe dos envases lixeiros (depositados no contedor amarelo) e que trasladasen esta rebaixa ao recibo dos veciños.

 

“Estaría ben que os dous alcaldes explicasen aos veciños porque Oroso e Arzúa serán os únicos concellos da zona adheridos ao modelo de Sogama que non se van a beneficiar desta rebaixa”, apuntan os populares, que non atopan “explicación coherente”para que os seus municipios perdan esta oportunidade.

 

O prazo do que dispoñían os concellos para solicitar a redución do canon no 10% concluíu o pasado 25 de febreiro, sen que ningún dos dous alcaldes o solicitase. Ademais da propia publicación no DOG, a empresa pública remitiu cartas a todos os concellos adscritos ao seu sistema explicando a iniciativa, e que se reforzaron posteriormente con correos electrónicos nos que se profundizaba na mesma.  Tamén se fixo eco da resolución, desde unha dimensión pedagóxica, en diferentes medios de comunicación con cobertura autonómica. Así mesmo, persoal da entidade, comezando polo propio presidente, púxose a disposición dos concellos para clarificar dúbidas e aportar información adicional.

 

“Non teñen escusas, se non se sumaron ao plan foi porque consideraron que non merecía a pena o aforro para as arcas municipais, ou o que sería máis grave, porque nin se preocuparon por facelo”,afirman os dous candidatos do Partido Popular.

En total, a bonificación do canon de Sogama beneficiará a preto de 2 millóns de galegos e galegas que residen en 229 concellos cun aforro global estimado en máis de 4,7 millóns de euros.

Por último, Doval e Rivadulla explicaron que a bonificación do 10%, xunto cos condicionantes establecidos para acceder á mesma, constitúe un instrumento co que dar forma a unha xestión dos residuos máis eficiente, intelixente, responsable e sostible, evidenciando a plena aposta dos concellos pola xestión xerarquizada do lixo da que se fai eco a normativa vixente e que debe comezar pola prevención e a redución, continuar coa reutilización e a reciclaxe, proseguir coa valorización material e/ou enerxética da parte non reciclable, e culminar co vertido, opción menos desexable polo seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde.

Deja una Respuesta