IMG_4407

Denuncian que “Cacheiras dorme mentres os demáis Concellos crecen“

“Cacheiras e todo Teo  dorme mentres os demáis crecen“, así de gráfica se manifestou unha veciña na reunión celebrada na tarde de onte por iniciativa dos populares teenses. A diminución da poboación no Concello, a parálise da actividade empresarial, a falta de investimentos na parroquia e o desleixo do executivo teense centraron as críticas da veciñanza.

Os últimos datos do Instituto Galego de Estatística confirman unha nova perda de poboación no Concello de Teo fronte ao incremento constante de persoas censadas en municipios lindeiros como o de Ames. Esta diminución de 32 habitantes en Teo -18.478 en 2017 fronte aos 18.510 en 2016- vén sumarse ao varapau sufrido hai catro anos de máis de 500 habitantes perdidos.

Á veciñanza de  Cacheiras non lle pillou por sorpresa este dato comentado na reunión celebrada na sede da Sociedade Agrícola, xa que consideran que “todo son trabas á hora de vir a vivir a Teo ou á hora de montar unha empresa”, en clara alusión á “espantada” de Mercadona en Montouto tras máis de dous anos de xestións administrativas no Concello. A veciñanza incidiu na parálise que sofre a actividade empresarial derivada do desleixo do executivo local para reactivar o polígono industrial.

Tamén manifestaron o seu interese en coñecer as accións que levarán a cabo a través do plan de obras e servizos xa que consideran que “non se está facendo nada en Cacheiras nesta lexislatura“. En efecto, o concelleiro Antonio Reyes lembrou que os investimentos na principal parroquia, onde se concentra máis do 30% da poboación teense, apenas alcanzaron o 8% neste último ano, unha cantidade  irrisoria considerando tanto o número de habitantes como a cantidade de poboacións e aldeas que teñen. Este ano tan só se actuará en dúas poboacións das 24 que a compoñen.

Os veciños  tamén fixeron algunhas valoracións respecto da pantalla luminosa colocada na rotonda do Gadis, cuxo custo ascendeu a máis de 16.000 €. Consideran  q foi un “pésimo investimento” considerando o lugar da colocación xa que “se gastaron un  dineral nalgo que soamente despista aos condutores, molesta aos veciños máis próximos e falla continuamente”.

VARIANTE DE CACHEIRAS,  UNHA DEMANDA HISTÓRICA DOS POPULARES

Ao mesmo tempo, José Manuel Guerra manifestou a súa satisfacción polo inicio dos trámites para a construción da variante de Cacheiras a Galanas, xa que se trata dunha demanda histórica do Partido Popular que, desde hai moitos anos, veñen demandando. Guerra lembra que, grazas ao tesón dos veciños de Cacheiras e o permanente recordatorio do grupo popular, conseguiuse. Reitera a necesidade de levar melloras nas restantes vías dependentes da Deputación.

 

Deja una Respuesta