IMG_4298

"Ou Noriega asume a EDAR do Souto ou explica que solución ten para a depuración"

Estamos no tempo de desconto para tomar unha decisión con respecto á depuradora de Santiago. O alcalde ten que clarificar xa se acepta asinar o convenio que ten enriba da mesa e resolve o problema”, indicou Agustín Hernández, quen incidiu en que a resposta “ten que ser clara e inmediata”.

O portavoz do Grupo Municipal Popular, que se amosou fondamente preocupado pola situación medio ambiental do río Sar, instou a Martiño Noriega a que “abandone o discurso baleiro” e diga se aposta polo emprazamento do Souto ou se, pola contra, pretende seguir mareando a perdiz. Neste senso, recordou que o proxecto para O Souto conta cun compromiso orzamentario, cunha tramitación viable e cun borrador de convenio que recolle a aportación das diferentes administración e determina o punto de partida para a execución da obra.

“Non é o momento de estar de perfil. É o momento de estar na resolución do problema”, salientou Agustín Hernández. “Xa sabemos que temos un alcalde alérxico aos prazos –engadiu- e que se atopa cómodo na indefinición, pero cada día que pasa corremos o risco de quedarnos sen depuradora”. “Ou asume unha depuradora viable, a do Souto, ou explica que solución ten Compostela Aberta para a depuradora de Santiago”, incidiu o portavoz popular. E é que tal e como explicou, o alcalde ten que informar á veciñanza se ten unha alternativa a O Souto, con que financiamento conta, cales son os prazos e a tramitación. “Xa non é tempo de debates estériles. É tempo de decisións”, indicou.
Do mesmo xeito, advertiu do risco da perda dos fondos europeos. Para Agustín Hernández non é unha cuestión menor, xa que “repercutirá no peto de todos os santiagueses”.
A depuradora do Souto, a única depuradora viable
“Podemos afirmar con rotundidade que o expediente de impacto ambiental da depuradora do Souto é válido, vixente e nel queda acreditada a viabilidade medio ambiental da depuradora de Santiago”, salientou Agustín Hernández, quen lamentou os continuos intentos de Compostela Aberta por poñer en dúbida este proxecto. Segundo informou, nin en ACUAES –sociedade estatal encargada de executar a obra- nin no Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente constaba, a semana pasada, ningún recurso ao expediente da EDAR. “Polo tanto, a única realidade –engadiu- é a depuradora do Souto, que é a única depuradora viable”.
Durante a rolda de prensa, o portavoz popular volveu destacar que a tramitación ambiental do Souto foi correcta e de acordo á normativa, segundo a cal o expediente foi publicado no BOE, no BOP e no concello onde está emprazada a obra. Do mesmo xeito, salientou que foron analizados os diferentes ámbitos de impacto tanto de Santiago como de Ames. “E no estudo concreto de olores –engadiu- tamén se define o grao de afección nos diferentes núcleos dos dous concellos”.

Un problema medio ambiental
Tal e como subliñou o portavoz popular, “quen está a incumprir os parámetros legais de vertidos, quen está a incorrer nun presunto delito medio ambiental é o concello de Santiago de Compostela”. Neste sendo, Agustín Hernández cualificou a situación medio ambiental do Sar como “a peor de Galicia”.
Santiago ten o “triste récord” de ser a última urbe galega que non conta cunha depuradora conforme á normativa europea: “Das sete grandes cidades, Compostela nin conta con depuradora en probas nin en funcionamento”. “Está –engadiu- fóra da lei”. Esta situación, tal e como advertiu, pode carrexar unha sanción económica da Unión Europea que “repercutirá no peto dos veciños”.

Deja una Respuesta