IMG_1842

Ven “sectario” que o alcalde non invitara ao PP á inauguración de escola de música

A portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Santiso, Matilde Pallares, cualificou hoxe de “sectario” e de “pouco elegante” que o alcalde, Manuel Adán López, non tivese en conta aos tres concelleiros populares á hora de facer as invitacións para a inauguración da nova escola de música celebrada o pasado venres.

Desde o Partido Popular entenden que este “descoido” é unha proba máis do “uso partidista” que o rexedor fai dunha institución e duns fondos públicos que son “patrimonio de todos os veciños de Santiso” e non “só das persoas que lle interesan ao alcalde”.

A popular, que pedirá explicacións sobre este asunto no próximo pleno municipal, afirmou que “resulta curioso que o goberno local si tivese tempo para tomarse a molestia de convidar ao presidente da Deputación e, con todo, non se acordara dos seus compañeiros de corporación”.

Para Pallares, que felicitou as agrupacións por contar con centro onde levar a cabo a súa actividades e desculpouse por no por acudir, detrás da non invitación ao acto, escóndese o intento do alcalde de “apartar e afastar” ao Partido Popular da cidadanía, tendo en conta que ao acto acudiron, ademais de bandas de música, moitos veciños do municipio.

Así mesmo, os populares fixeron fincapé en que ao goberno local “éncheselle a boca moitas veces á hora de criticar a maneira de actuar doutras administracións” pero, ao seu xuízo, despois só se acordan de convidar ao Partido Popular aos actos aos que non son capaces de levar a ninguén.

Sen comunicación oficial da suspensión do pleno

Noutra orde de cousas, a portavoz do Partido Popular de Santiso criticou o feito de que o executivo local non comunicase de maneira oficial e correcta a suspensión do pleno ordinario que tiña que levar a cabo este mes.

“Nós decatámonos porque un familiar meu subiu ao concello por outros trámites e mandáronme o recado por el”, dixo Pallares, quen cualificou de “pouco serio” que unha administración pública funcione desta maneira. “Xustificáronse dicindo que non está o secretario, pero para o que lles interesa ben que atopan a alguén que faga as invitacións ou os avisos”, concluíu Pallares.

Deja una Respuesta