20171229 Santa Susana

Piden máis vixilancia para loitar contra o vandalismo que atenta contra o patrimonio

O Grupo Municipal Popular, tras a aparición de novas pintadas na igrexa de Santa Susana, insta ao Goberno local a que incremente a vixilancia para evitar os actos vandálicos que atentan contra o patrimonio. Neste senso, os populares volven denunciar o abandono e o deterioro da súa contorna, que contrasta coa relevancia da súa situación e da súa importancia histórica e artística.

A comezos do mes de novembro, o grupo popular reclamou a recuperación e o coidado do recinto de Santa Susana, onde as pintadas e os estragos estaban a proliferar. Ante tal situación de deterioro, os populares solicitaron ao concello unha maior dedicación no seu labor de limpeza e acondicionamento da totalidade da contorna, así como tamén o desenvolvemento de actuacións de mellora da iluminación e un incremento da presenza policial, articulando unha liña de colaboración coa Igrexa –a través da propia Administración, do Consorcio ou coa participación douta institución- para recuperar o tan danado aspecto da igrexa de Santa Susana.

En todo este tempo, tal e como lamentan os populares, o Goberno local non fixo absolutamente nada e a situación, en lugar de mellorar, empeorou ao apareceren hai uns días máis pintadas nas paredes da igrexa. Un dos elementos máis afectados polas actuacións vandálicas segue ser a porta da entrada principal románica, chea de pintadas ao igual que a da edificación auxiliar próxima. As ventás, tanto da igrexa como da veciña caseta, continúan escachadas, do mesmo xeito que están os focos embutidos no chan, que deberían iluminar os laterais do templo e nos que hoxe medran herbas.
É por todo isto polo que os populares, ademais de volver reclamar a recuperación e o coidado de todo o contorno de Santa Susana, demandan unha maior vixilancia na zona, co obxectivo de poñer punto e final aos estragos na zona.
Importancia histórica e artística
O abandono deste recinto contrasta coa súa relevancia para a cidade de Santiago tanto desde o punto de vista da súa situación, onde ocupa o lugar máis elevado da céntrica Alameda, como no relativo á súa importancia histórica e artística, posto que a igrexa é de finais do século XVII pero conserva varios elementos románicos dun antigo templo que no mesmo lugar –no antigo “outeiro dos Poldros”- mandara construír no século XII o arcebispo Xelmírez e no seu adro mantíñanse as reunións do Concello de Santiago durante a Idade Media.
O recinto da igrexa de Santa Susana fora obxecto dunha importante actuación de rehabilitación entre os anos 2013 e 2014, coincidindo cunha ampla remodelación da Alameda na que, entre outras actuacións, se acondicionou o estanque e se construíu a nova cafetería acristalada. Daquela, tamén se mellorou o aspecto do recinto da igrexa, instalouse un local para xardinería recuperando o antigo local parroquial veciño, retirouse un vello galpón anexo e se renovou a iluminación da contorna. Para iso, acadouse un acordo coa Igrexa para a cesión do vello local parroquial, mentres o Concello se comprometía a manter limpo e en óptimas condicións todo o recinto para o uso e goce da cidadanía.
Bonificación para as familias numerosas
Por último, os populares amosan a súa satisfacción pola entrada en vigor o vindeiro ano dun paquete de bonificacións para as familias numerosas, tal e como se confirma coa publicación no Boletín Oficial da Provincia da aprobación da modificación da Ordenanza Fiscal 1.01 do Imposto Sobre Bens Inmobles. Unha modificación que, tal e como salienta o grupo popular, será posible grazas á proposición normativa que os populares presentaron hai xa máis dun ano –o 13 de decembro de 2016- para que as familias numerosas puidesen gozas de beneficios fiscais.

Esta modificación da normativa, que responde a unha demanda da Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN), supón unha bonificación na cota íntegra do inmoble de uso residencial que constitúa a súa vivenda habitual –sempre que o valor catastral non supere os 190.000 euros-; e tamén terá en conta os ingresos familiares anuais brutos per cápita, tomando como referencia as 14 pagas mensuais do IPREM; o numero de membros da unidade familiar e, por primeira vez, prestarase atención á situación de dependencia da familia.

O obxectivo desta bonificacións é servir de alivio ás familias que teñen que facer fronte a unha maior carga con respecto ao resto e axudar a aquelas con menos recursos.

Deja una Respuesta