FOTO TOMA POSESIÓN TEMBRÁS

Pídenlle á Deputación que non esixa a tramitación telemática do Plan Único

O portavoz do Partido Popular na Deputación da Coruña, Agustín Hernández, demandou no pleno celebrado esta mañá que o goberno provincial non esixa aos concellos a tramitación telemática para a contratación dos proxectos incluídos no Plan Único, co obxectivo de axilizar o comezo das obras en cada municipio.

Os populares, que votaron a favor do Plan Único, lembraron a súa abstención na aprobación duns pregos que, segundo Hernández, complican o investimento dos fondos provinciais aos concellos máis pequenos e que contan con menos recursos da provincia.

“Somos conscientes de que os pregos se adaptan á lei que obriga ás empresas que ofertan a presentar a súa proposta por medios electrónicos, pero tamén sabemos que esta lei non entra en vigor ata outubro deste ano”,apuntou Hernández.

Neste sentido, o portavoz dos populares instou ao goberno provincial a tomar algún tipo de medida que facilite e mellore a licitación destas obras, e apuntou que “modificar os pregos é complicado, pero a Deputación pode ditar unha instrución que permita, de maneira xustificada, que os concellos leven estes expedientes sen usar as ferramentas electrónicas. Iso é posible”.

Hernández, que aproveitou a súa intervención para criticar que o executivo provincial non consultase ao grupo popular a redacción dos pregos, lembrou que, de non levar a cabo ningunha modificación na tramitación dos proxectos do Plan Único, “corremos o risco de que as obras non comecen durante os meses de verán, cando todos sabemos é o mellor momento para realizalas”.

 

 

Deja una Respuesta