IMG_4298

Piden a creación dunha rede de itinerarios peonís que sirva de unión entre os barrios

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, presentou, esta mañá, unha proposición para o seu debate no vindeiro pleno, relativa á confección dunha rede completa de itinerarios peonís e ciclistas que comunique os principais centros de atracción da mobilidade na cidade, tanto no ámbito laboral como social, prestando especial atención á continuidade dos actuais traxectos. Así mesmo, que contribúa, tamén, a tecer unha malla entre os barrios e as parroquias.

“O obxectivo é que o ata de agora non nato Pacto Local da Mobilidade do Goberno de Compostela Aberta pase da teoría á realidade e inicie a súa andaina coa confección dun plan de sendas peonís no termo municipal”, salientou. A iniciativa, ademais de recoller unha demanda cidadá, atende ao cambio de tendencia na mobilidade, producido durante os últimos anos coa recuperación de espazos para sendas peonís e ciclistas cómodas e seguras.

Trátase de contar cun plan que se apoie fundamentalmente nas marxes das estradas, pero sen renunciar á recuperación de antigos camiños de interese histórico, cultural e paisaxístico e que teña en conta, ademais, aqueles itinerarios que xa están a ser executados por outras administracións. Do mesmo xeito, Agustín Hernández avoga porque inclúa as sendas acordadas no marco dos plenos municipais, froito das iniciativas presentadas ao longo do mandato. “Estamos a falar, entre outras, das sendas entre Milladoiro e Santiago, a través de Conxo; a de Vidán-Larañiño; o tramo final do acceso á Granxa do Xesto, no Pedroso; as sendas das rúas Senande e San Martiño de Aríns; a senda a Figueiras; ou a vía verde entre Santiago e Oroso”, explicou.

Tal e como detallou Agustín Hernández, esta iniciativa serviría, ademais, como documento para planificar e programar as actuacións a executar nos vindeiros anos, incluíndo a consignación anual nos orzamentos municipais e coas achegas que se obteñan a través de axudas procedentes doutras administracións públicas.

Nesta liña, ao abeiro das liñas de fondos europeos, a Xunta de Galicia está a desenvolver un programa específico de seguridade viaria para construír sendas para peóns e ciclistas nas marxes das vías de titularidade autonómica. Así, o Goberno galego consignou 2,6 millóns para nove sendas peonís na comarca de Santiago, que suman algo máis de quince quilómetros, seis dos cales para unir Vidán e a Urbanización Monte da Devesa (Brión). “Santiago ten que avanzar con paso firme nesta mesma dirección”, subliñou o portavoz popular, que recordou, a chamada de atención que se produciu nos últimos meses polo incremento da sinistralidade viaria e dos atropelos a peóns.

Deja una Respuesta