CN3C4F2_2

Piden a inclusión de Carballo na mesa de negociación da área metropolitana de A Coruña

O grupo municipal do Partido Popular de Carballo, encabezado polo seu portavoz, Aurelio Núñez, presentou esta mañá unha moción instando ao goberno local a que solicite a inclusión de Carballo na mesa de negociación, composta polos alcaldes de Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada, encargada do deseño da futuro da área metropolitana da Coruña.

Os populares entenden que, por poboación e por peso económico na comarca, Carballo non pode quedar excluído do proceso constitutivo dunha estratexia que, segundo Núñez, debe servir para afrontar retos tan importantes como o deseño do transporte metropolitano, a mellora da mobilidade, o ordenamento urbanístico, os plans de medio ambiente, a xestión da auga ou o tratamento dos residuos.

“Á marxe das tres cidades –Coruña, Ferrol e Santiago-, Carballo é un dos grandes municipios da provincia. Estamos a falar dun concello con máis de 30.000 habitantes que non poden quedar fora dun proceso tan importante como a constitución dunha área metropolitana”, apuntou o portavoz dos populares.

Neste sentido, Núñez “non entendería” que o alcalde, Evencio Ferrero, deixase pasar a oportunidade de defender o dereito dos veciños de Carballo a estar representados, desde o primeiro momento, nos foros adecuados para “achegar, suxerir e estudar” todas aquelas propostas que permitan mellorar a súa calidade de vida, promover unha área urbana sustentable, construír unha economía local competitiva e establecer unha estratexia integrada.

Veciños de primeira
“Os cidadáns de Carballo queren ser cidadáns de primeira na área metropolitana, e teñen dereito a selo”, subliñou Núñez, quen cargou contra aqueles rexedores que pretenden considerar aos carballeses “veciños de segunda, pretendendo que se incorporen á área metropolitana nunha segunda fase”.

Así mesmo, o portavoz do grupo municipal do Partido Popular fixo fincapé en que os que pretenden deixar fóra da constitución do novo ente ao municipio carballés “viven de costas” á realidade económica e social da comarca, en clara referencia ao “peso fundamental” que representa Carballo en toda a zona.

Sobre este punto, Núñez defendeu que, de non incluírse a Carballo neste proceso, os impulsores da área metropolitana deberán dar explicacións que “pouco ou nada terán que ver cos obxectivos marcados para o novo ente” e, por iso, mostrouse “confiado” en que o executivo local acepte a petición do seu partido para, desta maneira, poder “facer presión” e lograr a presenza do municipio na mesa de negociación.

Deja una Respuesta