10 SEPTIEMBRE 2007 PORTADA / 26 AGOSTO 2008 PAGINA 10
MUXIA.- FIESTAS VIRXE DA BARCA

Piden ao Concello a que se faga cargo da organización da Festa de A Barca

O grupo municipal do Partido Popular de Muxía, encabezado pola súa portavoz, Sandra Vilela, presentará nos próximos días unha moción no Concello na que insta ao executivo local a que se faga responsable da celebración da Festa de A Barca, despois de confirmarse nas últimas semanas que non se creou unha comisión que se encargue deste evento.

Os populares, que incidiron en que estes festexos están catalogados de interese turístico nacional e teñen unha “importancia moi elevada” para o turismo e a promoción económica do municipio, culpan ao alcalde, Félix Porto, de querer “lavarse as mans” e non facerse responsable da organización da festa.
“O señor Porto ampárase para non organizala en que o Concello non pode cobrar ningún canon aos chiringuitos que se instalan na zona portuaria”, afirman os populares, que aseguraron que este argumento non é máis que “unha escusa” e que, na súa opinión, a decisión é “puramente política”.

Neste sentido, Vilela subliñou que, do mesmo xeito que o goberno local organiza outras festas como a do congro, pode facerse cargo da Festa de A Barca, “incluso achegando fondos públicos para iso”.

“O que non podemos consentir é que Muxía quede sen esta festa e que o concello mire para outro lado. Estamos a falar dunha cita con moita tradición, que atrae a xente de todos os lugares de Galicia ao noso municipio, e que ten un impacto económico fundamental na economía local”, dixo Vilela.

A popular insistiu en que o goberno local non pode quedar de “brazos cruzados” á espera de que apareza, ou non, alguén con ganas de facerse responsable dos festexos.

Por último, desde o grupo municipal dos populares fixeron fincapé en que, aínda que sexa de “forma excepcional”, o goberno local debe “tomar cartas no asunto” e resolver un problema que causou moita preocupación entre os veciños.

Deja una Respuesta