image

Piden explicacións a CA pola tramitación de facturas pendentes de preto de 500.000 euros

O Grupo Municipal Popular insta ao Goberno de Compostela Aberta a que dea “explicacións precisas e urxentes” para aclarar os motivos do atraso na tramitación dunhas facturas -por un importe de preto de medio millón de euros-, relativas aos traballos de rebacheo levados a cabo nos viarios municipais durante os meses de febreiro e marzo de 2016.

Tal e como denunciaran os populares a finais do pasado mes de abril, ditos traballos adxudicáranse a dedo, cunha absoluta falta de procedemento e en basta contradición coa lei de contratos. “Compostela Aberta, sen transparencia, sen permitir a concorrencia a máis empresas, a un prezo presumiblemente maior que o de mercado e empregando unha fórmula extraordinaria -como é a contratación de emerxencia-, outorgou a dedo máis de 440.000 euros a unha soa empresa”, recordan. Este tipo de contratos, segundo está recollido na lei, empréganse para situacións catastróficas -terremotos, inundacións ou desastres naturais- e prohíbese empregar dita fórmula para a xestión ordinaria, como é o arranxo de fochancas. Incumprindo a lei de contratos e facendo da dedocracia o seu modus operandi, Compostela Aberta encargáballe a realización dos traballos de pavimentación a unha empresa, por unha contía superior a 440.000 euros. Case dez meses despois, aínda non tramitara o pagamento das referidas contías. “Unha circunstancia que chama a atención e que pode comprometer os próximos orzamentos”, salienta o grupo popular.
Por todo iso, os populares presentan unha pregunta oral no vindeiro pleno para coñecer os motivos polos que o concello aínda non aboara a final de ano os traballos de rebacheo. O grupo popular pregunta se o feito de que os encargos se fixeran a dedo e non se axustaran á lei explica que non se tramitara o pago. “Con este atraso, está recoñecendo o concello que estas facturas responden a unha contratación ilícita?”, subliñan os populares, que preguntan, tamén, se o goberno contempla a posibilidade de que sexan os tribunais os que decidan sobre pagamento; ou se, pola contra, será a Xunta de Goberno quen recoñeza a obriga de facer un pago derivado dunha actuación escura.

Deja una Respuesta