SM19C1F1_1

Piden explicacións a Duro sobre se ocultou a reducción do aforo de Malatesta

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, ofreceu, esta mañá, unha rolda de prensa para esixir explicacións urxentes ao Goberno local sobre un presunto trato de favor a unha determinada sala de concertos da nosa cidade e a falta de control sobre un posible exceso de aforo: “Tras consultar o correspondente expediente, comprobamos que Compostela Aberta non só quebrantou o principio de igualdade de todos ante a lei, facendo a vista gorda a un determinado local, senón que incorreu tamén nun temerario desprezo á seguridade e á integridade das persoas”.

Tal e como salientou, son os concelleiros Jorge Duarte e Xan Duro os que teñen que dar explicacións de inmediato: “Se isto non se aclara, habería que concluír que o trato de favor do Goberno local cara a determinados administrados continúa e que xa son dous os concelleiros implicados”.

O local, que abriu o 28 de outubro de 2015, presentou un proxecto cun aforo de 497 persoas. Pese a semellante a aforo pretendido, chama a atención que o Goberno local non realizase en ningún momento a correspondente inspección urbanística para confirmar que esta sala estaba en condicións de albergar 497 persoas. “Compostela Aberta, durante a etapa de Jorge Duarte como edil de Urbanismo, mirou para outro lado; porque quen tiña a especial obrigación de controlar a capacidade de evacuación dunha sala de case 500 persoas non o fixo”. Tal e como incidiu Sánchez-Brunete, todo apunta a que “hai indicios de que estamos ante un clarísimo trato de favor”, xa que nese mesmo período o concello levou a cabo inspeccións de aforo a locais que remataron en peche de actividade (como os casos do Apolo, Metrópolis...).

“Alguén deberá explicar como é posible que durante todo un ano –de outubro de 2015 a decembro de 2016- non se realizara a inspección urbanística a unha sala que congregaba a preto 500 persoas para ver cal é a súa capacidade real de evacuación e o seu aforo”.

O concelleiro popular destacou que foi ese mirar para outro lado do edil Jorge Duarte o que levou ao inspector de actividade do concello, en decembro de 2016, a considerar “moi urxente” rebaixar o aforo do local de 497 a 100 persoas, mentres non se realizase a correspondente inspección urbanística. Foi así como Xan Duro –coas competencias de Jorge Duarte- firmou esa rebaixa. Un tema que preocupa aos populares é se, tras a determinación dese novo aforo, se realizou algún control ou inspección da Policía Local para que non se sobrepasara.

Grave risco para a seguridade dos usuarios
Neste senso, amosou a súa preocupación e expresou as súas serias dúbidas do bo proceder de Xan Duro: “Ten que deixar claro o antes posible que actuou con dilixencia, por unha banda, como concelleiro de licencias comunicando á policía o novo aforo de 100 persoas; e, por outra, como concelleiro de Seguridade, impulsando o control dese novo aforo”. “Porque de nada vale firmar un aforo determinado -engadiu- se logo non se controla”. Tal e como salientou Sánchez-Brunete, de non ser así, estaríamos ante unha irresponsabilidade que pon en grave risco a seguridade de clientes e usuarios.

Sánchez-Brunete, co fin de que o Compostela Aberta dea as explicacións oportunas, anunciou unha batería de preguntas escritas ao Goberno local (achégase documento), entre as que destacan se o concelleiro Xan Duro lle comunicou á Policía Local que o aforo da sala, que viña congregando a preto de 500 persoas, quedaba reducido a 100 e se consta, ademais, algún control tras a determinación –en decembro de 2016- do novo aforo. “Sería moi grave descubrir que Xan Duro lle ocultou á Policía Local a necesidade de inspeccionar unha sala na que concorrían, segundo o informe do funcionario de Urbanismo, as notas de risco e de urxencia na actuación”.

“Hai un concelleiro que se nega a firmar expedientes e os mete nun caixón –Jorge Duarte-. Sería igualmente grave que houbera un concelleiro que os firmase e acto seguido tamén os metese nun caixón. O primeiro é un incumprimento descarado. O segundo sería un incumprimento cínico”, lamenta.

Deja una Respuesta