image

Piden medidas para mellorar o acceso ao Bosque de Galicia e a Cidade da Cultura

O portavoz do Grupo Municipal do PP, Agustín Hernández, presentou, esta mañá, dúas iniciativas que trasladará ao pleno ordinario deste xoves. Por unha banda, unha moción para que se recoñeza o labor de Jeannine Warcollier, quen foi durante medio século a secretaria xeral da Sociedade Francesa dos Amigos de Santiago de Compostela -a primeira asociación de amigos do Camiños de Santiago creada no mundo en 1950-; e, por outro lado, unha proposición para mellorar a información e o acceso ao Bosque de Galicia e á Cidade da Cultura.

Neste senso, o representante popular recordou que o pasado 16 de abril falecía Jeannine Warcollier, “unha referencia no mundo xacobeo”, que desenvolveu un gran labor a prol da difusión e promoción de Santiago e da rota xacobeo. Foi a través deste colectivo co que achegou o valor do Camiño no país veciño. “É de xustiza un recoñecemento público”, subliñou Agustín Hernández, quen confía en que esta moción se converta finalmente nunha declaración institucional coa unanimidade de todos os grupos. O voceiro popular lamentou que o Goberno municipal ignorase a nova do falecemento de Jeannine Warcollier e non realizase ningún acto conmemorativo da súa figura.

Bosque de Galicia e Cidade da Cultura
Agustín Hernández aproveitou, tamén, para presentar unha serie de iniciativas que permitan levar a cabo unha planificación integral do Bosque de Galicia e da Cidade da Cultura. Neste senso, subliñou que, ante o inminente remate e posta a disposición do público do Bosque de Galicia, “é o momento de traballar para integrar este ámbito na cidade”.

O voceiro popular presentou unha batería de medidas para reforzar a divulgación do seu atractivo e utilidade deste enclave. A primeira delas vai na liña de incrementar a conexión por transporte público desde o centro urbano á Cidade da Cultura, xa que actualmente tan só hai unha liña diaria (liña 9) á Cidade da Cultura, que opera de luns a venres e os sábados pola mañá, cada hora –a liña C-11 opera só con algunha frecuencia os sábados, domingos e festivos-. “Cara a nova redefinición das liñas, o Goberno local debería considerar como un punto de conexión a Cidade da Cultura”, destacou Agustín Hernández. Do mesmo xeito, formulou actuacións para que se mellore a sinaléctica e se leve a cabo roteiros de acceso peonil, xa que o propio Bosque de Galicia vai supoñer a creación dunha importante rede de sendas alternativas que abrirá esta zona da cidade para actividades deportivas e de lecer.

Por último, Agustín Hernández aposta polas novas tecnoloxías para mellorar a información desta zona, a través dunha aplicación móbil que sirva como visita guiada á instalación e ao seu contorno e que conteña, tamén, toda a axenda de ocio e cultural da Cidade da Cultura. “Unha aplicación que pode servir para mellorar a experiencia tanto dos turistas como dos veciños de Santiago”, subliñou.

Deja una Respuesta