FOTO RUEDA DE PRENSA

Piden que a Deputación colabore coa Xunta para paliar os danos provocados polos incendios

O Grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña presentará ao pleno unha iniciativa para propoñer que a institución provincial colabore coa Xunta e cos concellos nun plan de avaliación e posta en marcha de medidas que axuden a paliar os efectos dos lumes forestais rexistrados nas pasadas semanas e que afectaron a varias parroquias de máis dunha decena de concellos coruñeses, entre eles os de Porto do Son, Ribeira Santiago de Compostela, Ames, Narón, A Laracha, Cee, Vimianzo, Fisterra, Rois, Cerceda e Rianxo.

A intención dos populares é que a Deputación asuma a súa participación á hora de establecer liñas de axuda e de coordinación coa Xunta de Galicia, coa colaboración dos concellos, para fixar tanto as medidas para a recuperación da superficie forestal queimada como para paliar os danos ás propiedades e ás actividades económicas directamente relacionadas cos diferentes sinistros ambientais que, en maior ou menor medida, supuxeron un deterioro das condicións naturais e mesmo económicas dunha importante extensión do territorio provincial.

Deste xeito, a Deputación contribuiría de forma efectiva na restitución dos danos producidos, sumando o seu labor á que xa está a desenvolver o Goberno galego con destino ás persoas e lugares afectados polos lumes no conxunto de Galicia.