foto Alberto 1

Piden que a oposición, os veciños e os empresarios estén na Xunta de Seguridade

O Grupo Popular do Concello de Ames vén de solicitar a convocatoria da Xunta Local de Seguridade, coa presenza de representantes veciñais, empresariais e grupos políticos, diante da preocupante situación que está a atravesar este municipio en materia de seguridade cidadá. Ademais, lémbrase aos responsables municipais a obriga legal de convocar a Xunta Local de Seguridade durante o presente semestre.
Hai unhas semanas, ante a inoperancia do Goberno tripartito de Ames, representantes empresariais do municipio solicitaron unha entrevista co subdelegado do goberno para manifestarlle a súa preocupación polo incremento dos roubos e recabar información sobre as medidas adoptadas para reforzar a seguridade.
Este encontro non tería sido necesario se o Goberno Local se tivese sensibilizado coa situación e convocase con carácter extraordinario a Xunta Local de Seguridade, tal e como se recolle no artigo 9 do Regulamento. Por elo, a única posibilidade que queda agora é a convocatoria da Xunta Local de Seguridade, en sesión ordinaria, que segundo o Regulamento se debe reunir polo menos unha vez ao semestre.
Convén recordar que mediante sesión plenaria celebrada o 6 de setembro de 2003 se adoptou o acordo da creación da Xunta Local de Ames, e que no pleno do 27 de febreiro de 2014 aprobouse por unanimidade a adaptación do seu regulamento ás esixencias do Real Decreto 1087/2010, de tres de setembro.
A Xunta Local de Seguridade maniféstase coma un mecanismo capaz de fixar medios e fórmulas de relación co obxectivo de acadar entre as diversas administracións competentes a colaboración mutua e a cooperación recíproca, posibilitando actuacións conxuntas, homoxéneas e efectivas en materia de seguridade pública no Concello. É un mecanismo que demostrou a súa utilidade na busca de fórmulas de colaboración policial con incidencia favorable na seguridade cidadá.
Non obstante, co fin de facela máis efectiva e participativa, e á vista dos últimos acontecementos, solicítase a presenza de representantes veciñais e empresariais, así coma dos grupos políticos da oposición, nas reunións da Xunta Local de Seguridade.
Con independencia de que o artigo 4 do Regulamento posibilita a asistencia doutras persoas que, polas súas funcións, capacidade técnica ou coñecementos se estime necesario, e que o artigo 13 do Real Decreto 1087/2010, co obxectivo de lograr a máxima participación cidadá, permite a creación dos denominados Consellos Locais de Seguridade, o Grupo Popular solicita, á vista do acontecido, que os veciños e empresarios do Concello, así coma os grupos políticos da oposición, estean convenientemente representados na Xunta Local de Seguridade.
Tendo presente que o artigo 5 do Real Decreto 1087/2010 posibilita dita presenza, procedeuse a solicitar mediante escrito presentado por rexistro:
1º.- A convocatoria da Xunta Local de Seguridade, invitando á mesma a representantes veciñais, empresariais e grupos políticos da oposición, para obter información actualizada sobre cuestións relacionadas coa seguridade cidadá.
2º.- A constitución dunha comisión para estudar a posibilidade de reforma do Regulamento da Xunta Local de Seguridade para que as asociacións veciñais e empresariais do Concello, así coma os grupos da oposición, teñan representación na devandita Xunta Local de Seguridade.

Deja una Respuesta