GESTORA ARZUA

Piden que Arzúa se adhira aos ‘Concellos Doing Business’

O portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, Jesús García, solicitará no pleno do mes de decembro, a través dunha moción, que o concello de Arzúa se adhira ao convenio para a captación de inversións asinado pola Xunta de Galicia e a FEGAMP o pasado mes de outubro para a aplicación da Lei de fomento e implantación empresarial de Galicia. Mediante este convenio créase a figura dos ‘Concellos Doing Business’, co obxectivo de atraer novas inversión a Galicia.

Jesús García sinalou que, a cambio do seu compromiso na creación de emprego, como ‘Concello Doing Business’, Arzúa ofrecería ás empresas que se instalen no seu polígono industrial importantes bonificacións. Así, a lei prevé rebaixas progresivas en razón dos postos de traballo creados no IBI (Imposto de bens inmobles), o IAE (Imposto de actividades económicas) e o ICIO (Imposto sobre construción, instalacións e obras).

Deste xeito, conforme se recolle na moción presentada a instancias da Xestora do PP de Arzúa, estableceríase unha rebaixa do 95% para aquelas empresas que creen máis de 20 postos de traballo no concello; de ata o 75% cando a contratación supoña entre 11 e 20 persoas; e, como mínimo, se prevén a creación de ata 10 empregos, as empresas que se establezan no municipio arzuán de acordo con este convenio beneficiaranse dunha rebaixa do 50% nestes impostos.

Outro dos compromisos que asumen os ‘Concellos Doing Business’ é non exixir a taxa por licencia de obra e apertura en todos os proxectos empresariais vinculados aos obxectivos da Industria 4.0 ou da RIS3. García engade que “o sector forestal, con grande presencia na comarca, tamén se vería beneficiado”, pois esta norma facilitaría a tramitación administrativa das cortas.

“Grazas a esta medida o concello de Arzúa tería preferencia nas convocatorias en réxime de concorrencia competitiva e podería impulsar a industria, o emprego e o emprendemento”, concluíu.

Deja una Respuesta