20170425 Visita Down Compostela 2

Piden que o Concello reserve prazas para as persoas con discapacidade intelectual

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, acompañado da concelleira María Corral, realizou unha visita á sede de Down Compostela para coñecer de primeira man as necesidades da institución e ver in situ a encomiable labor que desempeñan preto dunha vintena de profesionais que a día de hoxe atenden a máis dun cento de usuarios da área sanitaria de Santiago.

Durante o encontro, fíxose especial fincapé na necesidade de seguir dando pasos para acadar a plena integración das persoas con discapacidade no mercado laboral, sobre todo para aquelas con discapacidade intelectual e, principalmente, no referido ao emprego público, no que aínda persisten algunhas trabas. Neste senso, o Grupo Municipal Popular presentará unha iniciativa no pleno deste xoves, instando a Compostela Aberta a que emprenda o camiño iniciado hai meses atrás pola Xunta de Galicia, coa creación de prazas reservadas para este colectivo na oferta de emprego.

Tal e como destacou o representante popular, a pesar dos innegables avances sociais que se teñen acadado nos últimos anos, existen aínda moitos atrancos que dificultan a integración. É por isto que os poderes públicos non poden vivir alleos a esta realidade e deben destinar, polo tanto, todos os seus esforzos en promover accións e políticas que eliminen as barreiras que dificulten ou impiden aqueles atrancos. E é que tal e como se tratou na xuntanza, se as persoas con discapacidade constitúen aínda un colectivo marxinado no ámbito laboral, as persoas con discapacidade intelectual padecen unha dificultade engadida para a súa integración, derivada das súas propias limitacións no funcionamento intelectual que raramente atopan nin o apoio específico na súa formación nin a axuda extraordinaria que precisarían.

É por todo iso que o Grupo Municipal Popular considera primordial que o concello atenda esta situación e poña en marcha medidas que favorezan a súa integración laboral. Neste senso, Agustín Hernández referiuse a que na Oferta de Emprego Público do Concello de Santiago para este ano 2017 contémplase a reserva dunha única praza de administración xeral para persoas con discapacidade, con carácter xeral e sen determinar ningún tipo. Tal e como trataron no transcurso da reunión coa entidade, no caso de convocatorias realizadas para persoas con discapacidade intelectual, faise preciso unha adaptación específica do temario e das probas de acceso.

Tendo en conta esta situación, os populares propoñen que o Goberno de Compostela Aberta elabore un estudo dos diversos postos de traballo recollidos na RPT para determinar cales poder ser cubertos por estas persoas, en función da súa discapacidade e das tarefas a desempeñar, como traballo previo para futuras ofertas públicas de empreso. En especial, para aquelas persoas con discapacidade intelectual, dada a distinción que se fai na normativa do Estatuto Básico do Empregado público. Neste aspecto é onde a colaboración entre concello e as entidades representativas máis directamente implicadas –como Down Compostela- faise imprescindible, sobre todo, na adaptación do temario, das probas de acceso e, chegado o caso, tamén do posto de traballo, co fin de acadar con éxito a inserción laboral da persoa.

Do mesmo xeito, os populares avogan porque o concello teña en conta, tamén, á hora de elaborar as listas para contratacións temporais de persoal, a reserva de prazas para persoas con discapacidade, en función da discapacidade e das tarefas a desempeñar.

Deja una Respuesta