paula prado con representantes pp de teo

Piden que o executivo de Teo garanta a normalidade das garderías ao inicio de curso

“As xestións realizadas respecto da nova xestión do servizo de garderías aínda non empezaron, a dous meses de que inicie o curso. A desidia na xestión provocou que a alcaldía tomara a decisión da xestión directa dunha forma totalmente improvisada e a preocupación pola normalidade no inicio do curso é máxima”, explican os populares de Teo.  Por estas razóns,  esixen que “a alcaldía lle garanta ás familias o correcto funcionamento dende o primeiro momento”.

O pleno de hoxe mércores aprobará, previsiblemente, unha moción promovida polo equipo de goberno para municipalizar o servizo de garderías. Esta decisión tomouse sen terse realizado os informes previos dos servizos económicos e xurídicos do concello dunha forma precipitada e improvisada. Os populares explican que “os informes técnicos aínda non se iniciaron e o executivo pretende realizar unha municipalización sen coñecer, por conseguinte, se resulta posible económica e xuridicamente falando”.

Dende o Partido Popular de Teo, consideran que “esta forma de proceder resulta inaceptable en tanto en ningún momento se pensou nin nos máis cativos, nin na eficacia da xestión nin nas repercusións que pode ter para o concello”.

O voceiro do grupo municipal, José Manuel Guerra, carga contra o executivo local "pola desidia e falta de sensibilidade cun tema tan delicado como son as escolas infantís e a conciliación laboral e familiar da veciñanza teense". Dende o PP local instan a Rafael Sisto a facer política transparente e dar as explicacións oportunas xa que, “de non poder comezar o curso, serán moitas as familias de Teo as que se verán afectadas”.  O líder dos populares teenses insiste en que a errática xestión "non garante un inicio de curso con plenas garantías administrativas, tendo como consecuencia a inseguridade de que se poida prestar no vindeiro curso un servizo imprescindible para moitas familias da localidade”.

 

 

Deja una Respuesta