20160113 Agustín Hernández

Piden que se aclare o futuro dos traballadores da OFM. da Cidade Histórica

O Grupo Municipal Popular presentou, para o pleno ordinario do mes de setembro que se celebra mañá xoves, tres preguntas orais relativas ao aparcamento de Pontepedriña, ás obras de Vista Alegre e á situación actual da Oficina municipal da Cidade Histórica e de Rehabilitación.

Os populares solicitan que se aclare a situación actual da Oficina municipal da Cidade Histórica e de Rehabilitación e a dos seus traballadores, así como a do programa que o Goberno local anunciou para a súa posta en marcha o día un de xuño e do que aínda non se ten ningunha nova. Recordan que a previsión de Compostela Aberta, tal e como anunciou o concelleiro encargado de Urbanismo, era a de manter en funcionamento dita oficina, na que traballaban catro persoas cuxos contratos remataban o pasado 31 de maio.

Os populares consideran de gran importancia a continuidade da Oficina, tendo en conta a labor administrativa e de asistencia na xestión de axudas para as áreas de rehabilitación integral, e a inxente recuperación levada a cabo no contorno da cidade histórica en vivendas, edificios e locais, tal e como o testemuñan os recoñecementos recibidos, entre eles o premio Cidades Patrimonio da Humanidade, concedido a esta Oficina no ano 2010 polo Ministerio de Cultura.

Aparcamento disuasorio de Pontepedriña
Por outra banda, os populares instan ao concello a que explique que pasos deu nos últimos cinco meses para implantar o novo sistema de control que garanta a rotación de vehículos no aparcadoiro disuasorio de Pontepedriña. O grupo de goberno mantén, desde o 20 de xaneiro, o acceso libre sen ningún tipo de limitación nin control. “O alcalde, antes da apertura do aparcamento, anunciara un sistema de xestión que lle ía ser encargado á empresa municipal Tussa, para asegurar a rotación. A día de hoxe, seguimos agardando”, lamenta. “Non existe rotación -engadiu- e moitos usuarios non atopan oportunidades de estacionamento”.

No Pleno do mes de marzo, por iniciativa do Partido Popular, acordouse por unanimidade instalar en Pontepedriña un sistema de control para evitar a estancias permanente de vehículos. Pouco despois, nese mesmo mes de marzo, o concelleiro responsable anunciaba a intención do Goberno de instaurar o cobro dunha tarifa que permitira a rotación nas 210 prazas coas que conta esta aparcadoiro. “A pesar de que transcorreron 5 meses desde o acordo unánime, nada ten mudado nesta instalación que a día de hoxe continúa sen regulación de ningún tipo, cunha escasa oferta de prazas diarias por causa da cantidade de vehículos que permanecen inmóbiles”, subliñan.

Do mesmo xeito, os populares presentan unha pregunta oral instando ao Goberno local a que aclare se xa aprobou os proxectos modificados para as fases I e II de Vista Alegre e se procedeu, tamén, á súa tramitación ante a Comisión Asesora. “En caso contrario, gustaríanos que o concelleiro nos explicase cando pensa aprobar estes proxectos, tramitalos ante a Comisión Asesora e executalos, co fin de que todos os traballos rematen no mes de xaneiro de 2017, coincidindo co prazo final fixado para a fase III”, subliña o grupo popular.

Deja una Respuesta