20170914 SantiagoEnCamiño

Pídenlle a CA que traballe na supresión de barreiras arquitectónicas

A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Corral, reclamou hoxe ao Goberno de Martiño Noriega en rolda de prensa a necesaria supresión de barreiras arquitectónicas que solicita a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) e que se proceda a realizar as melloras na accesibilidade que solicita este colectivo. Representantes desta asociación compostelá presentaron un novo estudo para a supresión de barreiras arquitectónicas na cidade.

Durante a súa comparecencia, Corral lembrou que no mes de xullo do ano pasado, a Coorporación decidiu por unanimidade que o Goberno de Compostela Aberta estudara o traballo realizado por Julio Louro, responsable deste organismo e, segundo as prioridades detectadas, se executaran as obras máis prioritarias en 13 puntos da cidade, para facer de Santiago un exemplo de cidade accesible e universal.

A día de hoxe, unha parte daquelas actuacións foron abordadas, pero quedan aínda por acometer varias actuacións puntuais, polo que ACEM decidiu facer un segundo estudo co fin de que as accións pendentes e outras novas sexan executadas o máis axiña posible.

María Corral subliñou que estas solicitudes se realizan co mesmo espírito de colaboración e coas mesmas doses de realismo que no pasado e, por iso, a ACEM achégalle ao Concello un novo traballo con accións necesarias para a supresión de barreiras arquitectónicas no tecido urbano. Neste novo documento sinálanse un total de 31 ámbitos, entre eles algúns -como o acceso ás piscinas do Sar, a Avenida do Camiño Francés ou a contorna do CHUS- xa recollidos no estudo anterior.

As actuacións que sinala ACEM diríxense principalmente a mellorar a accesibilidade nas beirarrúas e nos pasos de peóns, coa creación de ramplas mediante cuñas con aglomerado, como unha solución “efectiva, rápida e económica”.  Así mesmo, sinálanse puntos onde é preciso construír pequenos treitos de beirarrúas, rebaixes, pintado  de pasos de peóns, instalación de chapas que permitan salvar canles, melloras en treitos con adoquíns ou a reposición de pavimentos deteriorados que dificultan ou impiden a mobilidade.

Por último, menciónanse problemas cos vehículos estacionados en zonas de tránsito e as dificultades para a o aparcamento de vehículos autorizados debido ás dimensións, visibilidade e accesos dalgunhas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida en distinto lugares.

As medidas propostas afectan principalmente ao contorno de ámbitos de gran afluencia, como o Palacio de Congresos, o Estadio de San Lázaro, a Praza de Abastos, a área de Salgueiriños, as piscinas de Sar, a Cidade da Cultura, a facultade de Económicas ou o Hospital Clínico; a distintas zonas de Vite, Meixonfrío ou As Fontiñas;  e tamén a puntos concretos de moitas rúas, entre elas, a Avenida do Camiño Francés, Rodríguez de Viguri, Praza de España, San Pedro, Xoán XXIII, Castiñeiros, Astorga, Romero Donallo, San Clemente ou Batalla de Clavijo.

Con este documento, inténtase que o Goberno de Martiño Noriega se poña a traballar para procurar a accesibilidade por riba de consideración estéticas que poderían conlevar elevados custos, tendo en conta que se trata de  actuacións asumibles economicamente e con inmediatos beneficios sociais para un importante colectivo que as necesita.

Así mesmo, María Corral destacou que o Grupo Municipal Popular tamén solicita que se convoque a Comisión de Accesibilidade de forma sistemática, tal e como se acordara no acordo plenario unánime adoptado en novembro de 2015, e que se pida a colaboración da Xunta de Galicia naquelas actuacións que lle correspondan ou naquelas que compartan ámbito competencial.

Cabe lembrar que a accesibilidade universal é un compromiso e unha responsabilidade de todos, das institucións públicas a todos os niveis, dos colectivos sociais e tamén das empresas públicas e privadas. Por elo, para acadar unha sociedade cada paso máis inclusiva e accesible é preciso que todas as administracións traballen desde o seu ámbito, dunha forma coordinada, para cumprir cos obxectivos marcados pola Lei Xeral de Dereitos das persoas con discapacidade, que sitúa a España como un referente nesta materia, tal e como o ten  recoñecido a Organización das Nacións Unidas que lle concedeu ao noso país hai máis de catro anos o Premio Roosevelt, en atención ao tratamento das persoas e aos avances nas políticas de inclusión do Estado español.

Ese recoñecemento debe ser un referente para animar, xa que un cambio do calado que se pretende na nosa sociedade, necesita a coordinación e a axuda de todas as administracións, tendo en conta que a accesibilidade non é unicamente unha acción normativa, que tamén o é, senón sobre todo unha acción de cambio social.

En Galicia, entre as medidas impulsadas no ámbito autonómico, contamos desde finais de 2014 cunha específica Lei de Accesibilidade, un texto integrador para unificar, coordinar e establecer os criterios de aplicación, execución e control nas actuacións que realizan, tanto a administración autonómica como a local.

A nivel municipal, Concello e entidades sociais de Santiago levan anos traballando nesta materia, como o demostra a concesión en 2006 do Premio Reina Sofía de accesibilidade. No pasado mandato, levouse a cabo a elaboración dun proxecto en colaboración con COGAMI para a execución dunha primeira fase de obras de mellora de accesibilidade; e durante o actual mandato, a Corporación municipal tamén vén dando mostras desa vontade de contribuír a mellorar as condicións de accesibilidade, acordando por unanimidade a realización de distintas accións nesa dirección, aínda que unha gran maioría delas, incluíndo a convocatoria da Comisión de Accesibilidade, seguen á espera da súa realización.

Deja una Respuesta