foto costa da morte

“Podemos gañar as eleccións municipais nos sete concellos do Partido Xudicial de Carballo”

Así de claro e de contundente mostrouse o vicesecretario xeral de Organización e director de campaña de Partido Popular da Coruña, Evaristo Ben, nunha cea que a súa formación celebrou onte, e na que se deron cita máis de medio centenar de concelleiros, militantes e simpatizantes destas localidades.

Acompañado polo secretario xeral de PPdeG, Miguel Tellado, Ben lembrou que nos últimos comicios locais a súa formación quedou a un “puñado de votos” de poder gobernar en municipios como Ponteceso, Coristanco e Laxe, un feito que espera que “non se repita dentro de 14 meses” e para o que pediu “unidade, traballo en equipo e xenerosidade” a todos os presentes no acto.

“Vós sodes a base e os responsables dos éxitos que este partido cultiva en todas as eleccións. Sodes as persoas que dan a cara pola nosa formación, que estades a pé de rúa cos veciños e que coñecedes os seus problemas”, recoñeceu Ben, quen tivo palabras de agradecemento tamén para “as vosas familias que, á fin e ao cabo, son as que de verdade sofren e padecen as consecuencias do que facedes”.

O popular aproveitou a súa intervención para facer fincapé no “carácter municipalista” do Partido Popular e subliñou que é a única formación da provincia que conta con concelleiros nos 93 concellos.
Unha referencia na comarca

A pouco máis dun ano para a celebración das municipais do 2019, Ben recalcou a importancia de conformar “bos equipos” que consigan convencer aos veciños de todos os concellos de que o Partido Popular é a “única opción seria para contar cun goberno local que saiba gobernar e que saiba solucionar os problemas da xente”.

Neste sentido, o director de campaña puxo como exemplo o bo labor realizado polos rexedores de Laracha, Malpica e Cabana, e mostrouse convencido de que “en 14 meses teremos máis exemplos que poñer sobre a mesa” porque, tal e como lembrou, o Partido Popular “sempre foi unha referencia nesta comarca”.

Ben tivo tempo para insistir en que os próximos meses serán “determinantes” para chegar “ben preparados” para afrontar o reto das municipais, unha cita na que, segundo explicou, os populares aspiran a conseguir o maior número de alcaldías e recuperar o goberno da Deputación da Coruña.
“Imos necesitar todos e cada un dos votos en todos e cada un dos municipios. O Partido Popular xa demostrou noutras ocasións do que é capaz de conseguir si traballa unido e remando nunha mesma dirección. O mellor exemplo vivímolo nas últimas autonómicas e agora tócanos repetilo nos vosos concellos”, concluíu.

Deja una Respuesta